O Arquivo enriquece o fondo de Emilia Pardo Bazán con 85 cartas inéditas da autora que abranguen catro décadas

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acolleu esta tarde a presentación do novo número da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, un acto que serviu de ocasión para dar a coñecer, no que foi o fogar de Emilia Pardo Bazán, un novo conxunto documental de gran valor para o estudo da autora. Confórmano un total de 85 cartas autógrafas, ata o momento inéditas, que a propia autora lle enviou entre os anos 1870 e ben entrado o século XX á súa amiga Carmen Miranda Armada, residente en Santiago de Compostela, desde A Coruña, Meirás, Mondariz, París e Madrid. Con esta correspondencia adquirida recentemente pola Real Academia Galega, o arquivo da institución enriquece o fondo que custodia da escritora e abre novos vieiros aos especialistas na súa vida e obra para seguir a investigar nela.

Pola esquerda, Javier Ozores, Cristina Patiño, Xosé Ramón Barreiro, Víctor F. Freixanes, Pilar Couto e Mar Novo. Fonte: RAG


No acto interviñeron o presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes; o director da publicación, o académico Xosé Ramón Barreiro Fernández; Pilar Couto Cantero e Cristina Patiño, subdirectora e secretaria da revista; Javier Ozores, autor do libreto que adapta a novela La Tribuna á ópera; a doutora Mar Novo, que centrou a súa intervención nos contos de Emilia Pardo Bazán; e Ricardo Axeitos, técnico do Arquivo da RAG, encargado de presentar as cartas inéditas.

Ao non conservarse a correspondencia recibida por Emilia Pardo Bazán, os investigadores teñen acudido aos arquivos que se conservan dos posibles receptores das súas misivas. Entre as localizadas ata o momento, este conxunto documental, totalmente descoñecido e inédito, é sen dúbida un dos máis relevantes tanto polo volume de cartas como polo amplo período de tempo que abrangue, desde a década dos anos 70 do século XIX á década de 1910.

A correspondencia de Emilia Pardo Bazán a Carmen Miranda presentada está asinada e atópase en bo estado de conservación. Moitas cartas foron escritas en papeis con diferentes cabeceiras -da revista Nuevo Teatro Crítico que ela mesma editou e redactou entre 1891 e 1893, de hoteis, balnearios etc.- nos que a escritora deixou valiosas referencias biográficas, sen que falten alusións á súa vida intelectual.

A receptora desta correspondencia pertencía a unha familia de rendeiros e estaba casada con Jacobo Pedrosa y Ulloa, un dos principais xefes do carlismo galego. Por iso tamén se pode atopar nestas cartas algún comentario interesante sobre a militancia tradicionalista de Emilia Pardo Bazán. Teñen, ademais, a curiosidade de permitir coñecer de primeira man a relación da novelista coa moda feminina da súa época, pois moitas das cartas xiran arredor do intercambio de noticias e apreciacións sobre esta, e algunhas delas ata inclúen bosquexos de vestidos realizados pola propia Emilia Pardo Bazán.

Da ópera de ‘La Tribuna' á historia da inauguración da estatua da autora
O último número de La Tribuna: Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán publica, entre outros contidos, o libreto La Tribuna, no que Javier Ozores adapta a novela homónima da escritora coruñesa da man de Gabriel Bussi, que asina a parte musical. Deste labor falou esta tarde na presentación do volume Ozores, mentres que Mar Novo se detivo noutro subxénero narrativo no que destacou Emilia Pardo Bazán, o do relato. A filóloga dedicou aos contos da autora a súa tese de doutoramento, un traballo que será recollido en forma de resumo no vindeiro número da revista.

O número 12 da publicación tamén inclúe unha achega de Manuel González Prieto sobre dous fitos na vida da autora acontecidos no ano 1916: o seu nomeamento, o 12 de maio, como "catedrático numerario de Literatura contemporánea de las Lenguas neo-latinas de la Universidad Central", e a inauguración, o 17 de outubro, da escultura que se ergueu na Coruña en homenaxe a ela. Entre outras achegas, Ruth Gutiérrez Álvarez ofrece ademais unha aproximación aos personaxes femininos das últimas novelas da autora; Santiago Díaz Lage estuda as valoracións realizadas por tres críticos franceses de La Tribuna e El cisne de Vilamorta; Ángeles Ezama Gil repasa a presenza da danza na obra da escritora; María Isabel Jiménez Morales profunda nas crónicas xornalística que asinou sobre a Exposición Universal de París de 1900 e a súa publicación posterior como libro; e Carlos de Odriozola y Rico-Avello presenta a xenealoxía da liñaxe da avoa paterna de Emilia Pardo Bazán, dona Joaquina Mosquera.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete