O arquivo da Academia comparte a poesía póstuma de López Abente

Tal día coma hoxe, o 24 de marzo de 1878, nacía en Muxía Gonzalo López Abente. O escritor participou no movemento de renovación da literatura galega promovido polas Irmandades da Fala con novelas como O diputado por Veiramar (1919) ou a obra de teatro María Rosa (1921) –estreada polo Cadro de Declamación das Irmandades da Coruña–, mais na súa obra sobresaen os versos que, en palabras de Vicente Risco, o converteron no mellor poeta do mar. A Real Academia Galega conserva unha boa mostra dun universo creativo que sempre tivo como epicentro a Costa da Morte, unha serie de textos autógrafos que permaneceron inéditos ata despois do pasamento do autor. A institución acaba de completar a dixitalización deste fondo documental, dispoñible na Rede a través do Arquivo Dixital de Galicia.
Retrato de López Abente
Fonte: Arquivo RAG

"[Gonzalo López Abente] foi sempre un namorado dos silencios de Muxía, dos poentes enxergados dende a soleira da Nosa Señora, dos calmos paseares polas praias e costas e as terras que a ilas deitan pautadas por os ríos calados. A xeografía poética de López Abente alóngase pouco, afonda moito e tén a Muxía por síntesis, chave e rosa", despedíao Ramón Otero Pedrayo na necrolóxica publicada no Boletín da Real Academia Galega tras a súa morte en 1963. Proba deste retrato son os manuscritos do autor conservados na RAG, cuxo valor especial radica na súa natureza inédita. De feito, a partir deles fixéronse dúas das edicións póstumas de López Abente.

Co gallo do Día das Letras Galegas que lle dedicou, a Academia editou en 1971 o poemario Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca, quince composicións dedicadas á virxe muxiá que Gonzalo López Abente lle entregara ao académico e daquela presidente da institución, Sebastián Martínez-Risco, en 1960. Catro décadas despois sairía do prelo Bretemada, unha edición ao coidado de Miro Millar que reproduce cen poemas escritos entre 1917 e 1922. O fondo documental do creador de Muxía na RAG inclúe tamén outros poemas que foron igualmente dixitalizados, completando así o traballo previo de catalogación e descrición desenvolvido polo arquivo.


Fragmento do manuscrito do poema "A oferta", de Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Fonte: Arquivo da RAG


A TEMPESTADE

(...)
A rexa tempestade, o vento fero
e o mar que se retorce e ruxe de ira
non son capaces de torcer a senda
que sigue a barca miña.

É forte o corazón, o brazo é forte
i-o amor mais forte ainda.
Corre ben, negra barca, que o meu faro
coma unha estrela brila!
Meu amor, meu amor,
cara ti vou axiña!


Fragmento do poema "A tempestade"
Reproducido a partir do mecanoscrito de Bretemada


Fragmento do poema "A tempestade", parte de Bretemada. Fonte: Arquivo da Real Academia Galega
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete