O Ano Carlos Casares deixa novas olladas á súa obra e un regueiro de homenaxes por todo o país

A piques de rematar 2017, o balance do Ano Carlos Casares confirma as expectativas que xerara. A gran popularidade do escritor ourensán viuse reflectida na acollida que recibiu a decisión da Real Academia Galega de dedicarlle o Día das Letras Galegas por parte tanto das distintas institucións e axentes culturais así como do público. Novas edicións para achegarse á súa literatura, volumes biográficos e un regueiro de homenaxes por todo o país sucedéronse durante os últimos doce meses. A RAG levou a celebración central do 17 de maio á vila onde medrou Casares, Xinzo de Limia, e concluíu na Coruña, en novembro, un mes cheo de conferencias que analizaron a obra e a vida do autor.

A Academia celebrou os días 21, 22 e 23 de novembro o Simposio Carlos Casares, tres xornadas que permitiron profundar na biografía e na obra literaria de Casares da man de dezaseis especialistas. O mes empezara con dúas mesas redondas en Ourense e Vigo, organizadas pola Fundación Carlos Casares, centradas na relación coa cidade na que naceu, a primeira, e o Casares editor, a segunda. Seguíronlles os encontros organizados polo Consello da Cultura -do que foi presidente-, onde se ofreceu unha ollada sobre o seu labor desde as institucións e a proxección exterior da súa obra. Outra ocasión para renderlle homenaxe foi o acto organizado o pasado 19 de decembro en Madrid polo Instituto Cervantes e a Xunta de Galicia, só días antes de que o Ano Carlos Casares volva ter, hoxe mesmo, como epicentro a Xinzo de Limia. Será aquí onde rematen as conmemoracións institucionais cunha celebración que se desenvolverá no auditorio municipal a partir das 20:00 horas.

Outro xeito de se achegar ao autor foron as distintas exposicións que percorreron o país. A fundación que leva o seu nome preparou, entre outras, Os mundos de Carlos Casares, a mostra central das Letras Galegas 2017, que pode verse ata o 26 de decembro no Museo Interactivo da Historia de Lugo. Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez, organizouse en cinco etapas da vida de Casares a través de centos de documentos relacionados co escritor e cinco pezas audiovisuais creadas para a ocasión. Tampouco poden esquecerse outras iniciativas como os roteiros para percorrer os seus camiños vitais e literarios organizados no seu Ourense natal, Xinzo de Limia, Nigrán -onde estableceu a residencia familiar- e Vigo -da man do instituto que leva o seu nome-.

Outra forma de afondar na súa traxectoria vital é a biografía publicada pola Editorial Galaxia, Casares. Un contador de historias, asinada polo académico Henrique Monteagudo; e, para o público máis novo, Carlos Casares. Vida e literatura (Xerais), un retrato de proximidade de Damián Villalaín, e Onde vai Carlos? (Deputación de Ourense), de José Antonio Perozo.

Pero 2017 foi sobre todo tempo para reler, ou descubrir, as novelas, relatos, ensaios e artigos xornalísticos de Casares. Galaxia, o selo no que publicou boa parte dos seus títulos e que dirixiu de 1986 ata o seu pasamento en 2002, inaugurou o ano pechando a serie de dez volumes que recollen as columnas de Á marxe e en marzo presentou O expreso da literatura e outros ensaios, con dezaseis textos sobre distintos temas relacionados coa literatura. O ano remata coa saída do prelo doutra recompilación de artigos en prensa, desta volta as críticas e comentarios literarios que o escritor foi publicando entre 1975 e 1992 baixo o nome A ledicia de ler; e d'O suicidio de Jonas Björklund, unha colección de relatos soltos editada por Xosé Manuel Soutullo. Por outra banda, a Xunta de Galicia promoveu a tradución ao inglés de Ilustrísima, realizada por Jacob Rogers (His Excellency, Small Station Press).

A modo de homenaxe, tamén saíron do prelo dúas tiraxes especiais de textos de Casares: o Consorcio de Santiago publicou unha versión ilustrada de Santiago de Compostela. A cidade milagre; e en Vigo apostouse por unha edición popular de Vigo: a man da xente. Xinzo de Limia tamén lle dedicou ao autor un libriño: Lolo en bici e Carlos na moto, unha biografía de Carlos Casares para rapaces. O Parlamento de Galicia recordou tamén a Casares, deputado na primeira lexislatura, cunha escolma dos seus discursos na Cámara que teñen como eixe común a política lingüística, e a Universidade de Santiago de Compostela dedicoulle Casares en Compostela. Universidade e literatura. O escritor limiao Antón Riveiro Coello rendeulle o seu particular tributo en forma de novela con A ferida do vento.

Non poden esquecerse as iniciativas desenvolvidas nas escolas e institutos de todo o país para achegar o alumnado á obra do autor protagonista deste 17 de maio. Algunha delas tomou forma de libro. É o caso d'As estrelas máis estrelas de todas as estrelas (Bolanda), un álbum ilustrado polos estudantes do IES Carlos Casares baseado na obra do autor. Pensando tamén no público máis novo, a Real Academia Galega desenvolveu unha nova edición do espazo web Primavera das Letras, cuxa presentación abriu para a institución simbolicamente o Ano Casares xa no mes de febreiro noutro centro educativo que leva o seu nome, o de Vilariño (Nigrán). Este foi un dos cinco gañadores da primeira edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras, unha boa mostra da implicación do profesorado na divulgación da lingua e a literatura de noso. Entre os premiados figura o "Casares-ton", o reggaeton composto no CEIP do Carballal para o poema "Amemos", escrito por Carlos Casares nos anos de mocidade.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 36

Descargar