Nélida Piñón, académica de honra

Na sesión plenaria da Academia celebrada hoxe, a escritora brasileira Nélida Piñón foi elixida membro de honra de Academia.
Nélida Piñón
Nélida Piñón


Nélida Piñón Cuiñas naceu en Rio de Janeiro, Brasil, o 3 de maio de 1937, filla de pais galegos procedentes de Cotobade e Carballedo (Pontevedra). Licenciada en Xornalismo, formouse na Facultade de Filosofia da Pontificia Universidade Católica do Rio de Janeiro, Brasil.

Para alén do seu recoñecemento internacional que innúmeros premios, galardóns e distincións en países Latinoamericanos así como en Galicia, España, Francia ou Portugal acreditan, esta figura das letras e da acción cívica brasileira acolle un valor singular para a Real Academia Galega non soamente pola reivindicación explícita, pública e reiterada, da súa orixe galega, senón por situar a mesma en termos contemporáneos, é dicir, como constituínte da súa identidade persoal, expresiva e intercultural.

A maior abondamento, esta escritora -referencia na listaxe de finalistas á candidatura ao Nobel de Literatura- é unha intelectual que toma posición a prol da cultura e a lingua galegas, cualificando esta como "lingua de seu, soberana". Velaí a súa participación activa en diferentes eventos e manifestacións culturais en Galicia e na promoción da versión galega de obras como A República dos Soños, unha novela que os estudosos e estudosas cualifican como a literatura con maiúsculas da nosa emigración que, ademais, é a obra máis premiada da autora, tanto pola crítica como por institucións e asociacións profesionais.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete