Manuscrito orixinal de 'Maxina', de Marcial Valladares

No Arquivo da Academia atesouramos o manuscrito orixinal da primeira novela escrita na nosa lingua: Maxina ou a filla espuria, de Marcial Valladares, con data de 1870 e titulada Majina.
Marcial Valladares
Marcial Valladares


Non é posible reconstruír completamente a historia da procedencia deste manuscrito, nin tampouco o proceso da súa chegada ao Arquivo da Academia. Porén, segundo os datos que coñecemos, o caderno pertenceu a J. Calviño de Castro e formou parte, en tempos, da Biblioteca do Centro Gallego de Bos Aires, pois conserva o selo desta institución na súa terceira páxina.

Maxina ou a filla espuria -publicada orixinalmente por entregas en La Ilustración Gallega y Asturiana, da que era colaborador literario naquela altura Manuel Murguía- está estruturada en dezasete capítulos e a súa peripecia narrativa principia coa violación dunha muller, Otilia de Sancti-Petri, da que nacerá Maxina, protagonista central do libro, quen será criada por unha parella de labregos do lugar, Inés e Catián.

A novela, unha ficción na que se mesturan elementos tirados do xénero romántico e do costumista, salienta, ademais, polo uso diglósico do castelán e o galego, que son empregados polos distintos personaxes conforme á súa clase social.

Verbo do seu autor, o narrador, poeta, lexicólogo e gramático estradense Marcial Valladares (1821-1903), foi unha das figuras senlleiras do Rexurdimento cultural e literario galego da segunda metade do século XIX, ao que contribuíu con importantes achegas no eido da creación literaria, como xa temos visto, mais tamén con importantes compilacións etnográficas, así como co maior tesouro lexical galego da súa época, o Diccionario gallego-castellano de 1884, que contén preto de once mil palabras. En 1970 foi a figura protagonista do Día das Letras Galegas.

Unha copia do manuscrito orixinal de Maxina ou a filla espuria pódese descargar nesta ligazón.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete