Ingreso de Xosé Luís Regueira Fernández

O novo académico defendeu a influencia da lingua no proceso de creación da nosa identidade social e afirmou que "a lingua é o repositorio de coñecemento e a cifra da historia dun pobo".
Xosé Luis Regueira recibe a medalla de académico do Presidente da RAG
Regueira recibe a medalla de académico do Presidente da Academia


A sesión plenaria aberta e pública que deu ingreso ao novo académico de número, Xosé Luís Regueira Fernández, celebrouse o sábado 2 de xuño no salón de actos da Real Academia Galega e reuniu aos máis destacados representantes da cultura e da investigación, así como a numerosas autoridades. Anxo Lorenzo Suárez, Secretario Xeral de Cultura; Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística; Carlos Varela García, Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Xosé Luís Armesto Barbeito, reitor da Universidade da Coruña; Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela e Xosé Henrique Costas González, vicereitor de extensión universitaria da Universidade de Vigo e académico correspondente, foron algunhas das autoridades congregadas.

Abriu a sesión o presidente da Academia, que, a seguir, deu a palabra ao secretario da institución. Xosé Luís Axeitos Agrelo procedeu a ler a certificación do acordo no que se determinou a celebración da sesión. Despois, os académicos de máis recente nomeamento, Bernardino Graña Villar e Xosé Henrique Monteagudo Romero, acompañaron á tribuna o académico electo.

Regueira pronuncia o seu discurso no salón de Actos da Académia
O novo académico pronuncia o seu discurso de ingreso


Profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, destacado investigador no ámbito dos estudos fonéticos, gramaticais e onomásticos, Xosé Luís Regueira forma parte do Instituto da Lingua Galega e é membro da International Phonetics Association e da Asociación Internacional de Estudos Galegos, entre outras.

O novo académico pronunciou o discurso titulado Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI no que recoñeceu a lingua coma algo máis ca un código de comunicación ou ca un instrumento; defendeu que "a lingua configura de maneira decisiva a nosa identidade social, e mesmo a nosa identidade como individuos", xa que "a elección de lingua e a maneira de falar non son simplemente o reflexo de quen somos, senón que nos fai ser quen somos, ou máis precisamente, permítenos ser nós mesmos". Xosé Luís Regueira afirmou tamén que "a lingua é o repositorio de coñecemento e a cifra da historia dun pobo, e nela quedaron gravadas a lume as vicisitudes maiores da nosa historia, desde a romanización ás pegadas dos habitantes dos castros, desde o contacto con Europa na Idade Media, ata o predominio do inglés nos nosos días, sen esquecer, ben é sabido, a fonda pegada do dominio do castelán durante, cando menos, os últimos cinco séculos". Por último, desexou que a Academia non perda os fíos coa "oralidade primeira", esa que é "a lingua que nos fai existir, que nos constrúe como pobo e como nación con voz propia no mundo".

Manuel González, tesoureiro da RAG responde ao discurso de Regueira
Manuel González deu resposta ao discurso de Regueira


O académico e tesoureiro Manuel González González deu resposta á intervención de Xosé Luís Regueira con rigor e afecto, salientando os seus méritos intelectuais, recollendo e relacionando as ideas principais do seu discurso e pronunciando, para finalizar, palabras para a sociedade e para o novo membro: "A Real Academia Galega necesita mulleres e homes que sintan o galego, que saiban soñar o futuro, e con intelixencia e capacidade de traballo para avanzar día a día na normalización da nosa lingua. Esta é a casa, querido amigo, para persoas coma ti, que concilias a mente soñadora coa racionalidade, que sabes cociñar os soños con corazón ardente e vontade firme. Benvido sexas."

Tras os discursos, Xosé Luís Regueira Fernández foi proclamado académico de número polo presidente, que lle entregou o diploma da institución e lle impuxo a medalla. Por último, o presidente anunciou que un exemplar do discurso se repartiría entre os presentes e pechou a sesión.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete