II Xornada do Congreso

Na sesión matinal da segunda xornada do Congreso, destacadas personalidades da investigación literaria e filolóxica analizaron a dimensión poética e as ideas lingüísticas de Valentín Paz Andrade.
Mesa cos relatores da mañá
Os relatores da mañá no coloquio posterior ás conferencias: Xesús Alonso Montero; Xosé Henrique Monteagudo Romero; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario da RAG e moderador; Luís González Tosar; Gregorio Ferreiro Fente e Ana Acuña Trabazo
Ferreiro Fente
Xosé Luís Axeitos con Gregorio Ferreiro,
editor de Paz Andrade

Gregorio Ferreiro Fente, editor da Poesía Completa (Xerais, 2012) de Paz Andrade, abriu a mañá cunha conferencia titulada "A oración na montaña: Valentín Paz Andrade, poeta na Guerra Civil". Segundo aclarou o relator, Poesía Completa enmárcase dentro do proxecto de exhumación do material inédito de Paz Andrade, do mesmo xeito que Diario de viajes, referido na xornada anterior pola súa editora Emilia García López, compoñéndose de sete libros de poemas íntegros, dous libros fragmentarios e tres poemas soltos.

Coa chegada da guerra civil, Paz Andrade "entendía o xornalismo como un espazo de instrumento necesario para a actividade política", pero "aínda non escribira un verso". Para Ferreiro Fente, "o estalido poético xorde cando se ve desterrado a Requeixo da Queixa, en xaneiro de 1937". É nese momento, a partir dese "trauma moral", cando Paz Andrade "descobre a necesidade de poetizar o drama que se está vivindo", aínda que naquela época "escribe por necesidade, non para publicar; iso virá despois, nos anos 40". O editor defendeu a voz propia de Paz Andrade, pois "non é unha figura que debamos adscribir a unha corrente concreta", e celebrou o Día das Letras Galegas por permitir a aparición de documentos dos que "non tiñamos coñecemento ata hai nove meses".

A intervención de Gregorio Ferreiro Fente pode verse aquí.

Ana Acuña
Xosé Luís Axeitos coa profesora Ana Acuña

"Valentín Paz Andrade e a escola lírica pontevedresa" foi o título do relatorio que presentou a doutora en Filoloxía, Ana Acuña, que defendeu a pertenza do noso homenaxeado á escola poética na que tamén figurarían os nomes de Xosé Casal del Rey, Luís Amado Carballo ou Nóvoa Gil, todos nados na cidade do Lérez. Para a profesora Acuña, Juan Bautista Andrade, poeta e tío de Valentín Paz Andrade, foi non só o "primeiro mestre" do protagonista, senón tamén "impulsor" da estirpe de poetas de Pontevedra.

Acuña ilustrou a pegada de Juan Bautista Andrade en textos, reflexións e poemas de Valentín Paz Andrade e sinalou intereses temáticos compartidos: emigración, morte ou natureza humana e animal. Diverxendo do relator precedente, Acuña defendeu que, en Paz Andrade "o nacemento da pulsión poética aparece nos anos vinte, cando publica uns versos na revista Alborada", se ben coincidiu con Ferreiro Fente en enmarcar a produción poética de Paz Andrade "na Xeración do 25, non no hilozoísmo". A profesora Acuña salientou algúns elementos comúns na poesía dos autores da Escola Poética de Pontevedra, como o faro e reivindicou un estudo daquel grupo de poetas de Pontevedra, "nomeadamente de Bautista Andrade, na medida en que exerceu de impulsor".

Un vídeo coa intervención de Ana Acuña pode verse aquí.

Alonso Montero
O investigador Xesús Alonso Montero durante
a súa intervención

O académico e investigador Xesús Alonso Montero interveu no Congreso coa conferencia titulada "O poema «Na onda até Rianxo...»: dous antecedentes e uns escolios quizais pertinentes", na que deitou luz sobre o tráxico acontecemento do bou Eva e sobre o proceso de poetización que Paz Andrade levou a cabo.

Acompañando a súa conferencia cunha escolma de textos entregados ao público, o profesor Alonso Montero comezou esclarecendo a traxedia vivida polos nove antifascistas que, agochados na sala de máquinas dun bou, pretenderan fuxir, na noite do 22 de abril de 1937 ("aínda non eran as doce da noite"), desde o Berbés de Vigo, para sobrevivir á represión política do momento. Segundo explicou no seu relatorio, debido a unha delación, un grupo de franquistas comezou a asolagar a sala de máquinas e foi a evidencia da tortura e o fusilamento o que levou á tribulación do Bou Eva a se suicidar. Segundo Alonso Montero, "a traxedia do bou Eva estaba á espera dun poeta que a iluminase e a trouxese aos nosos días", aínda que o profesor Rafael Dieste xa dera noticia do suceso no artigo "Unha morte lanzal". Porén, para Alonso Montero: "Valentín Paz Andrade non sabe que o seu amigo Dieste xa descubrira este feito, el cre que é o primeiro" cando escribe o poema "Na onda até Rianxo" –concibido en 1976 e publicado en 1979, no libro Cen chaves de sombra- "sobre todo dedicado aos seus dous amigos", os dous curmáns de Castelao que se encontraban no barco.

O vídeo coa intervención de Xesús Alonso Montero pode verse aquí.

Luís González Tosar
Luís González Tosar co secretario X.L. Axeitos

"América, estrela virxe. Achega á presenza de autores iberoamericanos na poesía de V. P. A." foi o título escollido polo profesor Luís González Tosar para o seu relatorio, no que informou acerca das viaxes de Paz Andrade a distintos países de América e das relacións que estableceu a partir delas. Segundo o profesor Tosar, na súa primeira viaxe á Arxentina, Paz Andrade conecta coa intelectualidade galega desde tres focos: o grupo galeguista de Irmandade Galega, "con pouca incidencia no fervedoiro literario que era Buenos Aires"; Lorenzo Varela, Luís Seoane e Rafael Dieste, que inflúen notablemente naquel contexto e Blanco Amor, "que o pon en contacto coa vangarda", nomeadamente co poeta Oliverio Girondo.

Luís González Tosar continúa o seu relatorio repasando posteriores viaxes a Santiago de Chile, "onde conecta con intelectuais na órbita de Pablo Neruda", México, A Habana, Colombia, Montevideo, Lima e Caracas, que afondan na súa maduración literaria. O relator quixo salientar o regreso a Buenos Aires, "onde impacta con La anunciación de Valle-Inclán", a chegada a Brasil, "xa procurando Guimarães Rosa" e a influencia de autores como Walt Withman, Hart Crane e Pablo Neruda. Finalmente, o profesor Tosar chamou a atención sobre a pegada dos autores galegos en escritores americanos descendentes de galegos, como Nélida Piñón, Monterroso ou Novás Calvo.

A intervención de Luís González Tosar pódese ver aquí.

Xosé Henrique Monteagudo
O académico Xosé Henrique Monteagudo
pronunciando o último relatorio da mañá

O sociolingüística, académico e secretario do Consello da Cultura Galega, Xosé Henrique Monteagudo Romero, pechou a sesión matinal coa conferencia "A lingua e as ideas lingüísticas de Valentín Paz Andrade". Segundo o profesor, a lingua escrita de Valentín Paz Andrade era "a lingua propia da Xeración Nós, con arrequecemento de formas da lingua e da literatura portuguesas". A súa escrita non era "aséptica", tiña "vontade de estilo". O académico salientou tres aspectos da visión da cultura de Paz Andrade que "deitan luz sobre a súa visión da lingua": unha visión da cultura non inmanentista, máis vencellada a aspectos sociolóxicos; unha interpretación da cultura como "un repertorio de ideas", non como unha "estrutura estática"; unha "actitude con vocación de intervención, non contemplativa".

Monteagudo Romero defendeu o interese de Paz Andrade pola "dimensión comunicativa da lingua", máis que por unha "dimensión de identidade" e a partir desa idea explicou a concepción do homenaxeado da lingua galega dentro do diasistema galaico-luso-afro-brasileiro. Para o relator, Valentín Paz Andrade "non pretende chegar á unidade ortográfica co portugués, senón ao aproveitamento, favorecer o intercambio", propoñendo "unha achega gradualista e cautelosa do galego e o portugués". "O discurso histórico de Valentín Paz Andrade entronca coherentemente coa matriz ideolóxica galeguista clásica", afirmou o profesor, "pero é novidoso nalgúns aspectos": unha visión social e dinámica da lingua a carón dunha actitude activa sobre o futuro, non contemplativa. "Partindo de tópicos da tradición galeguista, Paz Andrade introduce innovacións e visión de futuro", concluíu o profesor.

Un vídeo coa intervención de Henrique Monteagudo pode verse aquí.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete