"Con Canle segredo Álvarez Blázquez adiántase dalgunha maneira ao seu tempo"

El mesmo definíase como un home cíclico, condición que explica en parte que a partir dos anos 50 se centrase máis na investigación, a comunicación xornalística e o labor editorial. Pero Xosé María Álvarez Blázquez afondara antes na creación literaria, un camiño no que "o seu mellor libro de poesía" é Canle segredo, asegura o seu fillo e escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. Desta obra falará o vindeiro día 15 na homenaxe que a Real Academia Galega lle renderá a Álvarez Blázquez no seu Tui natal co gallo do centenario do seu nacemento. Na xornada, moderada pola académica Margarita Ledo, tamén intervirán o académico Darío Xohán Cabana e Ana Acuña.

Xosé María Álvarez Cáccamo. Foto: Luis Gabú


De toda a súa obra, por que escolleu deterse en 'Canle segredo' na xornada dedicada ao seu pai?
Primeiro, porque é o seu mellor libro de poesía. En segundo lugar, porque é un dos libros máis importantes de poesía da posguerra. Estou convencido eu, pero tamén moitos críticos. E en terceiro lugar, porque a min me gusta especialmente e, aínda que o coñezo, lino moitas veces e téñoo comentado, faltábanme unha serie de claves que abrín con este traballo, sobre todo favorecido por unha suxestión que fai Xavier Rodríguez Baixeras no prólogo á edición da súa poesía completa.

Cales son esas claves?
Todo o mundo ten comentado que se trata dun libro conversacional, onde hai unha carga emotiva moi importante. É un libro de amor, de solidariedade coas vítimas da historia, de evocación da nenez, tamén de referencias aos fillos. Pero detrás diso que poderiamos chamar tema aparente hai un motivo, para min máis ca un motivo complementario, un elemento temático importante que non se revela de maneira inmediata. É o propio concepto do secreto do inefábel, que non é fácil de transmitir. Por outra banda, o poeta está permanentemente preocupado por coñecer a esencia das cousas (…), esa preocupación polos significados ocultos da existencia que el tenta descubrir a través dun poema ou dos signos da natureza.

O oculto tamén está presente na historia da obra na medida en que pasaron dúas décadas desde que recibiu o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires, en 1954, ata que foi publicada, en 1976.
Esas dúas décadas constitúen unha alegoría case bíblica, a vida secreta de Canle segredo. Engádenlle en certa medida misterio á historia externa, que tamén dalgún xeito está tácita na historia interna do libro.

Hai coincidencia na crítica en que 'Canle segredo' é unha obra que abría camiños. E probablemente tería unha pegada fonda na renovación da poesía galega de posguerra se saíse á luz no seu tempo natural. Foi Álvarez Blázquez consciente desa dimensión no seu momento ou a posteriori?
A verdade é que non sei se foi consciente diso. No traballo que presentarei en Tui falo precisamente tamén desa faceta, en que medida abriría camiños."De ter saído á luz no seu momento, 'Canle segredo' contribuiría sen dúbida ao reforzamento da voz da subxectividade" Sen dúbida, non abriría os da poesía social, que abriu Celso Emilio, pero posiblemente si dialogaría, ou abriría talvez un rumbo, o da poesía conversacional, intimista, de afondamento nas claves emocionais da existencia. E a voz do eu, que estaba primeiro disfrazada, ou latente, na poesía das vangardas, no neotrobadorismo e no neopopularismo. Despois esta voz é substituída na poesía social pola voz do nós colectivo, de modo que a voz subxectiva do eu na poesía de posguerra non digo que non apareza, pero aparece pouco, e Canle segredo contribuiría sen dúbida ao reforzamento da voz da subxectividade. Agora, en canto a si el era consciente disto, eu sospeito que non o era moito, porque se o fose teríase dado máis présa en publicar o libro. Para min segue sendo un pouco un misterio ese tempo tan longo [sen saír á luz]. No prólogo á edición que aparece en 1976 el fala dunha especie de inercia do tempo, de esquecemento e, por outra banda, das súas múltiples ocupacións e a súa entrega, a partir de finais dos 50, máis á investigación que á creación.

O camiño da poesía social abriuno Celso Emilio Ferreiro, pero en 'Canle segredo' tamén hai compoñentes da poesía social en poemas como 'Ise neno da rúa' ou 'Meu moneco', que semellan plenamente vixentes no momento que estamos a vivir. Que pensaría Álvarez Blázquez da Galicia e da Europa destes días?
En todo o libro hai tres poemas engadidos á primeira versión, e só dous, os posteriores a 1962, poden estar influídos por Longa noite de pedra. Ou sexa, que é poesía social, pero non do socialrealismo. Hai unha liña realista e de crítica social que vén da tradición, xa desde os cancioneiros medievais de escarnio e maldizer. "O poema 'Ise neno da rúa', que parece moi actual, é de 1953"Ise neno da rúa, que parece moi actual, é de 1953. Os importantes, que tamén é un poema de clave irónica e claramente social, é do ano 55. É dicir, dalgunha maneira adiántase ao seu tempo. Non me refiro ao estilo, pero si á preocupación e á visión crítica. No tocante á pregunta de como viviría el o momento actual de Galicia e Europa, a resposta é con estupor, con horror, como estamos a vivir todos este rearme brutal do capitalismo, este dominio absoluto do diñeiro por riba das vontades democráticas. Eu creo que sería dos que soñaría cun cambio radical.

Álvarez Blázquez tamén publicou, en 1950, outra obra singular no seu tempo, 'Roseira do teu mencer', un libro de poesía infantil. Chama a atención a tenrura, o xeito de asumir a paternidade que amosa, que parece máis próxima ao momento actual que ao dos homes da súa xeración.
Se me permite un xogo de palabras, unha especie de paternidade moi feminina.

Si, podería dicirse así.
Meu pai era un home moi tenro, un pai entregado aos fillos e fillas, e viviu con especial emoción o nacemento da súa primeira filla, que desgraciadamente morreu moi nova."En 'Roseira do teu mencer' amosa unha paternidade moi feminina (...). É outro dos seus mellores libros" Si, resulta sorprendente esa posición emocional, afectiva, e o feito de que apareza un libro de poesía infantil en Galicia nese momento. É ademais un dos mellores libros de poesía infantil de todos os tempos, estou convencido diso, e outro dos seus mellores libros. Despois de Canle segredo, eu quedo con Roseira do teu mencer.

Borobó recomendábao para todos os nenos que comecen a ler en galego.
Si, penso que si é un libro recomendable para empezar a ler. Sería importante un novo impulso para destinalo á lectura nas aulas de infantil, e tamén para adolescentes.

No 36 foron asasinados o seu pai, Darío Álvarez Limeses, e o seu curmán político, Alexandre Bóveda, e rematada a guerra el foi desterrado como mestre a Zamora por galeguista. Ata que punto o Álvarez Blázquez creador e investigador é froito da pegada da Guerra Civil e da posguerra na súa familia?
A pegada é indiscutible nalgúns textos. Dedicoulle un libro a Alexandre Bóveda e ten un poema sorprendente, O desterro, no que fala do seu propio desterro. E digo sorprendente porque se atreveu a publicalo en plena posguerra malia o perigo que podía supoñer. Non pasou nada pero podería ter pasado. De xeito espallado, aquí e acolá na súa obra, están a Guerra Civil e a posguerra, incluso por omisión, como en todos os escritores e escritoras galegos que viviron a ditadura. O feito de non falar de certos temas é unha evidente mostra da pegada brutal da represión da ditadura.

Ademais de escritor e investigador, o seu pai foi editor con éxito, e soubo recuperar a tradición ao mesmo tempo que editaba novos autores. Que pensa que lle gustaría publicar hoxe?
Creo que intentaría manter esa dobre liña de difusión do popular e tradicional e de procura de novas voces, o que pasa é que viviría a situación precaria que están a vivir hoxe os editores galegos.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete