O concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal repartirá máis agasallos entre participantes de todas as idades

A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a segunda edición do certame de microrrelatos que crearon en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro, cadrando coa campaña de promoción de PuntoGal que permitirá rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE.

Pola esquerda, Darío Janeiro, Víctor F. Freixanes e Manuel González na presentación da nova edición do concurso de microrrelatos. Fonte: RAG


O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente e o director xeral de PuntoGal, o académico de número Manuel González e Darío Janeiro, presentaron este mércores na sede da Academia a convocatoria, coa que agardan repetir e mesmo mellorar o éxito de participación da primeira edición do certame, que sumou case 400 orixinais. As bases do certame están dispoñibles nesta ligazón.

En 2018 o concurso concedeu un primeiro premio, un segundo premio e tres terceiros premios. Aínda que dous terceiros premios os gañaron dous menores, a maioría dos concursantes eran maiores de 18 anos. Nesta ocasión repartiranse nove premios, tres en cada unha das novas categorías distribuídas por idades co propósito de facilitar a participación de todo o público. Na infantil poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; na xuvenil, mozos e mozas de 12 a 17 anos; e na de adultos, calquera persoa maior de idade.

As persoas que desexen participar no concurso deberán enviar os textos, de ata 200 palabras e en galego, ao correo electrónico actividades@academia.gal entre os días 1 e 28 de febreiro. Os gañadores recibirán distintos premios tecnolóxicos –ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros- e relacionados coa lectura. As bases completas e a lista de premios están dispoñibles nas web da RAG e na de PuntoGal, www.asociacion.gal.

Cadrando coa acción, o dominio lanza ademais unha promoción que posibilitará rexistrar durante o mes de febreiro un novo .gal con prezos de entre 12,15 e 15 euros máis IVE. Os rexistradores acollidos á promoción son dinahosting, Com Laude, Entorno Digital, Don Dominio, Ovh.com e Openprovider. As condicións da promoción poden consultarse en dominio.gal/promotion/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras. O dominio lanzará unha campaña de publicidade para dar a coñecer tanto esta acción como o concurso.

Un espazo de modernidade para a lingua
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, sinalou na presentación do certame a importancia da presenza da lingua e da cultura galegas na Rede e gabou o papel que o dominio .gal xoga na súa proxección. "A Real Academia Galega entende a lingua como un factor de modernidade. O idioma galego é un termómetro para medir os momentos históricos nos que a sociedade galega se sente dona do seu e ilusionada cun proxecto de futuro. O futuro da lingua, da cultura galega e a propia Galicia pasa por estar presente nas novas tecnoloxías da comunicación, e a iniciativa .gal constitúe un dos elementos máis ilusionantes desa proxección nos últimos tempos", expresou.

O presidente de PuntoGal, Manuel González, salientou na mesma liña a vontade de colaboración desta entidade coa RAG e outros axentes preocupados pola cultura do país. "O dominio PuntoGal leva no seu ADN a promoción e a difusión da lingua e cultura galegas en todo o ciberespazo, pero tamén leva no seu ADN o espírito de colaboración con todos os axentes que contribúen a que a sociedade galega se sinta orgullosa de si mesma, e neste aspecto a RAG ocupa un lugar de privilexio. Por iso queremos camiñar da man e sumar esforzos. A convocatoria deste concurso é unha pequena mostra deste espírito de colaboración", declarou.

O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, incidiu tamén na estreita relación entre o dominio .gal e a RAG, "entidade vinculada dende os seus inicios a este proxecto, con quen compartimos a defensa da lingua e a cultura galegas". Janeiro enmarcou a segunda edición do certame nos proxectos colaborativos da asociación, que "PuntoGal ten a intención de aumentar e diversificar durante 2019".

Ao respecto da campaña de promoción, o director xeral de PuntoGal explicou que se trata dunha iniciativa que permite obter un .gal a un prezo "moi accesible e durante dous anos". "Agardamos superar en breve a barreira dos 5.000 dominios rexistrados, o que nos facilitará mellorar os prezos e continuar a política de promocións periódicas", rematou.

O incremento de dominios .gal permitirá ir reducindo progresivamente o seu prezo de adquisición e renovación. PuntoGal, entidade sen ánimo de lucro, reinviste os beneficios que obtén da súa xestión en actividades de fomento da cultura, a lingua e a tecnoloxía en Galicia e en galego. A súa última colaboración foi a tradución ao galego do navegador de Internet Firefox.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar