Homenaxe a Xosé Fontenla Leal

No sesquicentenario do seu nacemento, a Academia rendeulle tributo a quen foi, desde a Habana, un dos principais impulsores do nacemento desta institución.
Alonso Montero
Alonso Montero flanqueado por tres das profesoras asistentes ao acto


"Se a Academia existe hoxe, é grazas á iniciativa e o compromiso cívico con Galicia de Xosé Fontenla Leal", con estas palabras resumiu o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, a importancia da achega do litógrafo ferrolán á xénese desta corporación.

O presidente da Academia fixo no seu discurso un percorrido pola biografía de Fontenla Leal, (Ferrol, 12 de febreiro de 1864 – A Habana, 5 de decembro de 1919), desde a súa temperá emigración á Cuba colonial á idade de dez, ata ao seu acceso autodidacta á cultura escrita na imprenta na que empezou a traballar cando xa mozo: "Neste sentido", engadiu Alonso Montero, "a traxectoria de Fontenla presenta unha grande semellanza coa de aquel outro ilustre litógrafo nado en Ferrol dez anos antes que foi Pablo Iglesias, fundador do PSOE, se ben no caso de Fontenla, el centrou os seus esforzos na recuperación do esplendor da patria perdida".

Alén do seu papel fundamental como promotor, en 1905, da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia da Habana que forneceu esta institución dos fondos económicos precisos para a súa fundación onde hoxe está atesourada a súa importante biblioteca, Alonso Montero salientou outras importantes contribucións do ferrolán á nosa cultura, como a estrea do noso Himno nun acto oficial na Habana e a súa influencia decisiva na escolla como lingua literaria por parte de Ramón Cabanillas.

Público
Imaxe do público asistente ao acto


A continuación reproducimos de xeito íntegro o discurso que o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, lle dedicou a Fontenla Leal: "Hoxe, 12 de febreiro de 2014, hai cento cincuenta anos que naceu, en Ferrol, un cidadán a quen as institucións galegas deberían tributar o seu recoñecemento e, dun xeito especial, a Real Academia Galega. Foi el, aquel humilde litógrafo, quen participou en canta actividade protagonizaron os galegos de Cuba a favor do coñecemento e do progreso de Galicia. A Cuba emigrara este ilustre cidadán das mellores causas galegas cando aínda era un neno. Xa adulto, Galicia, o país deixado para sempre na súa infancia, foi o seu norte, o seu compromiso e o centro dos seus soños.

A súa intelixente relación epistolar co poeta Eduardo Pondal e co músico Pascual Veiga é a causante do Himno Galego, estreado na Habana, no Centro Galego, o 20 de decembro de 1907. Xa existía desde 1906, a Academia, daquela denominada Real Academia Gallega, institución creada na Coruña a instancias da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega (1905). Tal Asociación, exemplo de intelixencia e oportunidade (na idea e no soño) de Fontenla Leal, quen, coa "auctoritas" da súa honradez e do seu compromiso coas máis nobres reivindicacións galegas, nomeou a Curros Enríquez para que, co seu prestixio, a presidise. El, o gran Fontenla Leal, modesto como poucos, era vogal nese primeiro equipo directivo. Por estas e outras virtudes e actividades, Antón Villar Ponte caracterizouno como "Fray Exemplo".

Sabido é que morreu pobre, na Habana, o 5 de decembro de 1919. A súa biblioteca, moi rica e valiosa no seu tempo, foi legada polo seu fillo José Fontenla Rizú á Real Academia Galega. O fillo cumpría co desexo, manifestado acotío, do pai, para quen a Academia era a gran obra da súa vida, o amor dos seus amores."

A publicación coa que a Academia conmemora o nacemento de Fontenla Leal pódese descargar aquí.

Nesta ligazón, o Portal das palabras achega tamén a súa contribución a esta efeméride analizando a composición da palabra sesquicentenario.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete