Homenaxe a Martín Sarmiento no Bierzo

Coincidindo co anivesario do seu nacemento, o pasado 7 de marzo daban comezo as VI Xornadas Martín Sarmiento en Vilafranca do Bierzo, organizadas pola Comisión Cultural que leva o nome do frade ilustrado galego-berciano.
Imaxe do acto en Vilafranca
O académico correspondente Héctor Silveiro, durante o seu discurso


A primeira destas xornadas -celebradas o día 7 so o lema "Educación, cultura e lingua"- versaron sobre os doce anos de experiencia dos Intercambios Escolares, e reuniron, na primeira súas das sesións, á totalidade do alumnado de Secundaria dos catro institutos que imparten o Programa de Promoción do Galego, e na segunda, celebrada no Teatro Vilafranquino, unha ampla representación dos 14 centros de primaria do Bierzo e Sanabria que imparten galego. No seu transcurso, tivo lugar tamén a posta en escena da obra, A Historia da Fala por Brais Fernández de Xandobela, e A nena e o grilo no seu barquiño, dirixida ao público infantil e representada por Magín Blanco e o Teatro dos Ghazafellos.

Nestes actos estiveron presentes, entre outros, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, ademais do Director General de Recursos Humanos da Consejería de Educación da Xunta de Castela e León, e da Directora Provincial de Educación de León.

Por iniciativa da Real Academia Galega, ao día seguinte levouse a cabo unha homenaxe a Martín Sarmiento en Vilafranca do Bierzo que tivo como preámbulo un encontro con alcaldes dos concellos de Vilafranca, Corullón, Valboa e Veiga de Valcarce, así como cos representantes de distintas entidades bercianas, como Escola de Gaitas, Xarmenta, Fala Ceibe, Instituto de Estudios Bercianos. Nesta xuntanza participaron por parte da Academia o seu presidente, Xesús Alonso Montero, o secretario, Henrique Monteagudo, así como o académico numerario Francisco Fernández Rei, e o académico correspondente berciano, Héctor Silveiro, organizador dos actos.

Nesta reunión, o grupo de alcaldes e entidades bercianas acordou constituír unha comisión de traballo para convocar un simposio nos vindeiros meses coa intención de abordar a planificación e dinamización lingüística no Bierzo, co fin de paliar a perda de galego falantes nas últimas décadas, e defenderon, asenade, a necesidade da continuar con proxectos como o Programa de Galego nos centros educativos, e de implementar outros novos dirixidos a distintos ámbitos da sociedade berciana.

Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero
Henrique Monteagudo durante a súa alocución


A continuación, tivo lugar, no Teatro de Vilafranca, unha homenaxe ao sabio polígrafo na que tomou a palabra, en primeiro lugar, Josefina Garrido González, profesora de Zooloxía da Universidade de Vigo, quen centrou a súa intervención na análise da obra de Sarmiento centrada no estudo do patrimonio natural, cultural e lingüístico do Bierzo.

O secretario da Academia, Henrique Monteagudo, fixo, pola súa parte, unha disertación sobre o legado filolóxico de Sarmiento, expoñendo a evolución dos seus estudos sobre o galego que, partindo dunha inicial curiosidade, que acabaron por constituír un traballo sistemático e reivindicativo arredor da lingua.

Finalmente, Xesús Alonso Montero, evocou no seu discurso a celebración, en Vilafranca do Bierzo, do plenario extaordinario da Academia con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a Frei Martín Sarmiento, o 18 de maio do ano 2002, o primeiro realizado fóra do territorio da Galicia administrativa.

Crónica enviada polo académico correspondente, Héctor Silveiro.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 22 de novembro de 2019 / 19:30 h
Conmemoración do 70 aniversario da colección Benito Soto - Pontevedra
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete