Historia dunha placa

O 22 de decembro de 1963, a Academia inauguraba unha placa na casa da nenez de Rosalía en Padrón, na rúa Juan Rodríguez.
Casa da nenez de Rosalía en Padrón
Casa da nenez de Rosalía en Padrón coa placa da Academia (Fundación Rosalía Castro)


Malia a súa aparente sinxeleza, a celebración deste acto agocha o que en realidade foi un longo e tortuoso proceso que se prolongou durante case dous anos.

Camilo Agrasar
Esta historia empeza cunha carta que lle envía o barbeiro padronés, Camilo Agrasar, ao bibliotecario da Academia naquela altura, Juan Naya, o 6 de abril de 1962, na que lle anuncia a disposición dun misterioso "galego dos bos e xenerosos", a custear unha placa na casa onde pasara a súa infancia Rosalía de Castro en Padrón, na rúa Juan Rodríguez, a condición de que estivera escrita "no noso idioma".

Malia o seu relativo descoñecemento actual, a figura de Camilo Agrasar (1907-1983) resultaralle moi familiar aos estudosos rosalianos dos tempos da Ditadura. Este barbeiro republicano e galeguista, que formou parte activa da resistencia antifranquista na comarca da Iria, foi tamén durante moitos anos o custodio da Casa da Matanza e posuidor dunha estimable biblioteca de temática galega.

Á oferta de Agrasar respóndelle Juan Naya nunha misiva datada no 26 de San Xoán de 1962, na que lle comunica a conformidade da Academia coa súa proposta, e tamén a necesidade de obter os preceptivos permisos do Concello de Padrón e do Gobernador Civil. A esta última petición, Agrasar obxecta que o mellor será que non sexan eles mesmos os encargados de realizar as xestións administrativas ao seren considerados polo alcalde da vila como "separatistas". A carta de Agrasar está dispoñible aquí.

Juan Naya é entón o responsable de promover esta iniciativa perante o alcalde de Padrón naquela altura, Ramón Pazos Giménez, quen, por fin, o 7 de novembro, semella conceder o seu permiso á colocación da placa á "cantora del Sar" na casa da rúa Juan Rodríguez, daquela propiedade dos irmáns Arijón Gende. O permiso formalmente válido aínda ha tardar un tempo en chegar.

A elaboración da placa
A Academia encárgalle ao membro de número Manuel Chamoso Lamas -delegado en Galicia da Dirección Xeral de Arquitectura e Belas Artes- as xestións puramente técnicas referidas á colocación da placa. O escultor escollido para a súa fabricación da placa, grazas á suxestión feita polo propio Camilo Agrasar, é un artesán da Iria, Alfonso Sanmartín.

Outra das cuestións pendentes de resolver era a do epígrafe, é dicir,o texto que había estar inscrito na placa, "en profundo e non en relevo", como decote reclamaba Camilo Agrasar. Nas súas primeiras versións, Rosalía é descrita como "a esgrevia cantora do Sar", conforme ao apelativo que fora empregado polo propio Pazos Giménez. Máis adiante, cando a Academia decide delegar en Fermín Bouza-Brey a redacción do epígrafe -por ser "persoa acostumada e perita nistas cousas epigráficas"- este opta pola fórmula "cantora de Galicia", e engade cinco versos tirados do poema "Inda vexo onde xogaba" de Cantares.

A carta de Bouza-Brey explicando a súa escolla pódese descargar aquí.

A parálise burocrática
A primeiros de 1963, a Academia teno todo disposto para a inauguración: a autorización dos irmáns Arijón Gende, propietarios da casa; o epígrafe escollido, e, con data do 11 de febreiro, por fin a autorización efectiva do Concello de Padrón. Xa era coñecido tamén, a través das páxinas de La Noche, o nome do galego "bo e xeneroso" que custeara a placa: Octavio San Martín. Só restaba, pois, a autorización da delegación provincial do Ministerio de Información e Turismo que non chegará ata o 10 de decembro de 1963. Descoñecemos as causas de semellante retraso que, porén, non resulta excepcional para os estándares da época.

Ofrenda da coroa de loureiro perante a estatua de Rosalía no Espolón
Ofrenda dunha coroa de loureiro perante a estatua de Rosalía en Padrón. (Arquivo RAG)


A descuberta
Finalmente, o 22 de Nadal de 1963, o ano no que tamén se celebrou por vez primeira o Día das Letras Galegas, unha abundante representación da Academia desprázase ata Padrón para participar na descuberta da placa a Rosalía. Segundo as crónicas da época, asistiron, ademais do presidente, Sebastián Martínez-Risco; o secretario, Francisco Vales Villamarín; o tesoureiro, Leandro Carré Alvarellos; os membros de número Joaquín Freire de Andrade, Enrique Chao Espina, Antonio Meixide Pardo, Jesús Carro, Paulino Pedret, Antón Fraguas e Domingo García-Sabell, ademais do propio Juan Naya, membro correspondente.

As autoridades á saída do oficio relixioso
As autoridades na descuberta da placa. (Arquivo RAG)


A xornada deu comezo coa celebración da preceptiva misa na igrexa parroquial de Santiago de Padrón, e proseguiu coa ofrenda dunha coroa de loureiro ante o monumento a Rosalía no Espolón para rematar, coa descuberta da placa e un discurso do presidente, Martínez-Risco, na casa onde Rosalía pasara a súa infancia.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete