Helena González responde o Cuestionario Filgueira Valverde

Profesora de literatura galega na Universidade de Barcelona, interésase en particular polo xénero na literatura e cultura contemporáneas. Na actualidade dirixe o Centre Dona i Literatura e mais a revista online Abriu: estudos de textualidade do Brasil, Galicia e Portugal.
Helena González.
Helena González


Que importancia tivo a figura e a obra de Filgueira Valverde na vida cultural galega nos dous segundos terzos do século XX?
Membro fundador do emblemático Seminario de Estudos Galegos, a figura de Filgueira está omnipresente na vida social, cultural e institucional do franquismo. No relato oficial do galeguismo de medio século acada a consideración de "galeguista bo" porque cando se produce o golpe militar estaba, como Vicente Risco, "nesta postura que, por ser enemiga do Frente Popular, non lles orixinou incomenentes", segundo relata Piñeiro en carta de 1963. Respéctase o seu inxente saber de polígrafo e mais o seu labor relevante no Museo de Pontevedra. A longa lista de cargos en comisións e institucións que enrestra ao longo da súa vida convérteno nun nome imprescindíbel, que actúa como coadxuvante alí onde o galeguismo queda baixo sospeita ou onde a súa posición lle resulta útil ao grupo Galaxia e ao galeguismo cristián (por exemplo, no desputado Premio March para Ramón Otero Pedrayo en 1962, e nalgunhas comisións sobre a lingua en 1970). No epistolario entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada documéntase polo miúdo un episodio no que exerce ese papel de mediador diante dun académico de perfil semellante, Martín de Riquer, franquista e medievalista coma el. A súa intervención permite levar a cabo o proxecto Losada-Piñeiro de crear a primeira cátedra de galego na Universitat de Barcelona. Porén, nesa correspondencia resulta rechamante, e moi significativo, que Piñeiro non valore de maneira expresa o labor intelectual e creativo de Filgueira, sobre todo se tempos en conta que se trata desas cartas socráticas, demoradas, que concibe como un programa de formación de elites galeguistas. Logo da dictadura, segue a ocupar cargos nas institucións culturais.

A súa continuidade en cargos públicos enténdese pola súa participación en gobernos conservadores e mais polo marco pactista que artella a vida política e social, un marco onde vai medrando o seu perfil como polígrafo galeguista, como "vello profesor", que permite deixar nun segundo plano o seu papel nas institucións do franquismo. O seu retrato de senectude queda inmobilizado nunha imaxe amábel: a de derradeiro humanista do século XX. Porén, ao meu ver, Filgueira exerce un rol de patriarca demasiado institucional –mesmo funcionarial-, demasiado erudito, conservador e marcado politicamente como para chegar a ser un activo realmente influínte a finais do século.

Cales foron as súas achegas máis importantes ás letras galegas e aos estudos históricos e artísticos en Galicia?
Desde os estudos literarios, Filgueira é, sobre todo, autor de dous títulos: o moi ben valorado Tiempo y goce eterno en la narrativa medieval e mais a súa serie Adral. Aínda que desde a historiografía literaria se cite o seu labor na literatura infantil e xuvenil, as súas incursións noutros xéneros literarios, ou os seus ensaios sobre arte e historia, Tiempo y goce… é ao meu ver o seu texto central. Trátase dun estudo sobre narrativa medieval que segue a ser unha lectura de referencia para a narrativa fantástica porque non só deita luz sobre a Cantiga CIII e a lenda de San Ero de Armenteira senón que ofrece unha interesante colección de figuras marcadas polo tempo detido: durmintes e personaxes en éxtase das tradicións medieval e popular. Coido que cómpre citar tamén as súas aportacións sobre cultura popular, en particular a súa edición do cancioneiro de Casto Sampedro, libro de cabeceira da música galega tradicional, así como o seu traballo de divulgación como autor de guías de viaxe.

Que vixencia conserva a súa obra hoxe en día?
Na miña xeración, que sabe do seu papel como alcalde de Pontevedra e a súa xestión da fábrica de celulosa –ocupar un cargo implica ser responsábel das decisións que se toman-, Filgueira débelle o seu bo nome a Xesús Alonso Montero, quen puxo en valor o que nel había de erudición imprescindíbel e patrimonio de coñecemento da cultura galega que non debían perderse co relevo xeracional. A maior parte da obra de Filgueira recúa para a historia e o tradicional; non ten capacidade para interrogar ou fender o presente. A súa vixencia radica na enciclopedia erudita e o museo de saberes.

Que pegada deixou a súa obra nos estudos e nos pensadores e ensaístas galegos contemporáneos?
Se por pensamento e ensaísmo entendemos textos críticos e arriscados, e non só exercicios de erudición, a obra de Filgueira non me parece relevante.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete