Gonzalo Enríquez Veloso sobre Vidal Bolaño

Gonzalo Enríquez Veloso (A Coruña, 1985) é doutorando na UDC na área da Teoría da Literatura e Literatura Comparada, ademais de ser autor de varios documentais. Acaba de publicar o libro-DVD Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño (Galaxia, 2013), e dende maio estará dispoñible na TVG o seu último documental: Recuperando a Roberto Vidal Bolaño.
Gonzalo Enriquez Veloso
Gonzalo Enriquez Veloso. (S.Teijelo)

Que características definen, ao seu ver, a obra de Vidal Bolaño?
A grandes trazos, as máis salientables e relevantes coido que son as seguintes. Primeiramente o realistas e próximas que son as súas personaxes, até nas obras máis simbolistas, os diálogos amosan personalidades cotiás e os seus carácteres fanos próximos ao espectador. En segundo lugar, os seus temas xiran en torno á realidade galega, centrándose nas historias dos perdedores, das vítimas, dos impotentes, do pobo... A terceira característica é a súa inquedanza por crear un novo teatro galego: sendo coñecedor dos devanceiros, tráeos aos seus textos facendo dialogar ao pasado co presente para poder construír un futuro posible para Galiza e para o novo teatro, innovador, profesional, un teatro que exista por si mesmo e coa lexitimidade que outorgan unha cultura e unha sociedade modernas. Por último, como autor do seu tempo, un tempo onde existe o cinema, e como admirador del, introduce aspectos cinematográficos na súa dramaturxia que podemos achar no ritmo, nos tempos das escenas e na forma de contar.

Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
A súa intención de modernizar o teatro afecta a tódolos ámbitos. Había un teatro amateur, feito por xente nos ratos libres. Mais el cría nun teatro profesional, serio, formal, decente e moderno, así que deixa o seu traballo fixo e seguro e arríscase e ponse á vangarda, fundando a primeira compañía profesional. Viviu os tempos -que están a volver- do coller a furgoneta e levar os materiais, o vestiario, fabricar bonecos e monicreques, montar o decorado, montar a iluminación, actuar e, claro, escribir a obra e dirixila. Posteriormente, influíu para crear o Centro Dramático Galego. No tratamento dos temas, escollendo a realidade social galega, os problemas, facendo crítica social, etc., está a loitar a prol dunha nova sociedade máis xusta, porque entende que esa é a función do teatro. Investiga na innovación de aspectos formais, como a iluminación ou a posta en escea, tratando o teatro como un teatro nacional (que é o que pretende ser) e facéndoo un teatro posible.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
En realidade a súa obra non pode estar xa descontextualizada: pasaron menos de corenta anos dende o seu primeiro texto e escasamente dez do derradeiro. Ademais, a obra en xeral de Bolaño trata a sociedade e os temas humanos que sempre interesan, como a morte, o amor, o fracaso ou o poder. Perdemos un xenio moi noso e semella que non hai ninguén que siga os seus pasos. Son estes dous, duros golpes que sufriu o teatro coa súa marcha.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete