Fragmento d'As Xeórxicas' de Virxilio

En 1964, o poeta chantadino Avelino Gómez Ledo (1893-1977) publicaba unha tradución ao galego d'As Xeórxicas, o longo poema encomiástico da vida labrega do poeta latino Virxilio.
Imaxe dun carro de bois
Escena rupestre tirada de Portfolio Galicia (1904).


Ademais da súa apoloxía dunha vida idealizada no campo –que co tempo dará lugar ao tópico renacentista do beatus ille- As Xeórxicas de Virxilio conteñen tamén unha descrición dos traballos agrícolas no ronsel d'Os traballos e os días de Hesíodo, e unha loa do goberno de Augusto, a quen vai dedicada a obra xunto con Mecenas.

Esta obra foi vertida ao galego por Avelino Gómez Ledo, quen xa dera comezo en 1930 ao seu labor como tradutor, cando publica as Églogas virxilianas na Editorial Nós, ás que lle seguirán unha Escolma de poetas gregos e latinos voltos en linguaxe galego (1973), así como unha tradución do Novo Testamento editada en 1975.

Canto XIX, Libro II (Fragmento)
¡Ouh felices demais se coñecesen
O seu ben os labregos! Para iles lonxe
Das xenreiras das armas, cisca a terra
Xustísema no chan, mantencia fácil.
Pazos alí non hai que po-las portas
soberbas boten en ondaxe inxente,
Dendesde cedo, as áulicas catervas.
Alí non hai portadas regarnidas
De cónchigas fermosas que adimiren,
Nin vestiduras rechamantes de ouros,
Nin bronzos de Corinto, nin vermellan
Con asiria pezoña a lá branquísima
Nin vician os aceites con perfumes.
En troques, paz segura e vida ceibe
De enganos, rica en toda cras de cousas.
En troques, folgo por aquiles eidos,
Lagóas de auga viva i-espeluncas;
En troques, vals tan frescos coma o Tempe,
E bracadeiros bois e doces sonos
Botados baixo ás albres nunca fallan.
(…)

As Xeórxicas (Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, 1964).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete