'Dóenme os ollos', de María do Carme Kruckenberg

O pasado 16 de maio finaba en Vigo a poeta María do Carme Krukenberg, nada na mesma cidade en 1926.
María do Carme Krukenberg
María do Carme Krukenberg. (Arquivo RAG)


No poema que reproducimos a continuación -tirado do libro A sombra ergueita, publicado por Castrelos en 1976- pódense apreciar algún dos trazos característicos do seu estilo: a sinxeleza formal e a linguaxe accesible aplicadas sobre un dos seus temas predilectos: o paso do tempo e a amargura existencial.

Dóenme os ollos
de mirar
como rube cada noite
a pedra,
de mirar
como rube o pranto
ao faiado dos días.
Dóenme os labres
de esperar
o milagre dos beizos
esquecidos;
de coidar
a ledicia dos despoboados
que enxendraron a terra.
Dóeme o sorriso amargurado
dos que foron gastando os soños
e amortallando as horas
sin un salaio de noxo.
Dóeme a vida
como unha ferida acoitelada,
como un anoitecer desleigado,
coma un cadaleito
cheo de rosas murchas.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete