Cincuenta e cinco anos de 'Memorias dun neno labrego'

O 5 de xaneiro de 1961 é un día grande na historia editorial de Galicia, concretamente na Galicia da Diáspora. Ese día saíu do prelo, en Buenos Aires, Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, relato que é un fito na narrativa do século XX galego. Co gallo do falecemento do autor (27-11-2015), foron varios os críticos e os xornalistas que concordaron ao afirmaren que as Memorias é o libro en lingua galega máis reeditado e traducido; tamén un dos máis estudados e escenificados. A Real Academia Galega hónrase evocando a gloriosa data do 5 de xaneiro de 1961 e lembra con emoción a Xosé Neira Vilas , académico numerario da institución desde o ano 2001.
Portada da primeira edición de Memorias dun
neno labrego
.

Memorias dun neno labrego editouse por primeira vez na capital arxentina, onde Neira Vilas descubriu "a personalidade histórica e o signo diferencial do noso país" e onde abrollou a súa latente vocación literaria, lembraba el mesmo no seu discurso de ingreso na Academia, dedicado precisamente á cultura galega en Buenos Aires entre os anos 50 e 60. Alí naceu a historia de Balbino, publicada en 1961, con portada de Luís Seoane, por Follas Novas. A editorial fora creada en 1957 polo propio Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda, co propósito de difundir, desde a Diáspora, o libro galego. Pero o grande éxito da obra arrincou en 1968, cando Ediciós do Castro publicou en Sada a segunda edición, ilustrada por Isaac Díaz Castro.

En só vinte anos, editaríase unha ducia de veces, sen contar as versións en castelán en portugués que xa existían del a comezos dos anos 80. Xesús Alonso Montero, actual presidente da Real Academia Galega, prologou varias edicións da autobiografía infantil de Balbino, "a resposta lúcida dun asoballado ao asoballamento", salientaba en 1969 nun dos limiares. A historia dun ninguén cunha "conciencia de clase non artificial" cuxo relato ilustra a paisaxe moral e social da Galicia rural dos anos 40 do século pasado. "O libro, el soíño ó principio, empuxado logo polo agarimo 'propagandista' de centos e centos de lectores, foi chegando ás aulas, ós galegos de Suíza, ás bibliotecas, ás mans campesiñas, a departamentos universitarios, ós galegos de Francia… Para miles de lectores –culturizados noutro idioma e na autosubestimación lingüística foi unha revelación, unha 'revolucionaria' revelación: xa lido o fermoso relato, centos e centos da xente do común descubriron que con dúas realidades descalificadas –a lingua galega e a aldea– podía construírse un relato que xeneraba nos lectores galegos, ademais de emoción, clara conciencia de dignidade", profundaba Alonso Montero en 1981 no proemio á décima edición.


De esquerda a dereita, detalles das cubertas da cuarta edición (1971) e da sétima (1977) e da tradución ao éuscaro de 1988


Cincuenta e cinco anos despois, a obra, dedicada "a todos os nenos que falan galego", suma xa 35 edicións na nosa lingua e foi traducida a unha morea de idiomas, desde o catalán, o inglés, o alemán, o ruso, o francés, o checo e o italiano ata o chinés. Cadrando co seu aniversario, a Consellería de Cultura daralle este martes o nome de Xosé Neira Vilas ao auditorio da Biblioteca e o Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, nun acto no que intervirá o presidente da RAG.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar