Carvalho Calero no seu tempo: do líder xuvenil republicano ao activismo cultural

A primeira das catro xornada do Simposio Carballo /Carvalho Calero comezou este xoves na Real Academia Galega cunha sesión na que dous historiadores e dous filólogos profundaron na figura do protagonista do Día das Letras Galegas na Galicia do seu tempo. O historiador Justo Beramendi puxo o foco na participación activa do homenaxeado na reorganización do nacionalismo galego tras a ditadura de Primo de Rivera; a crítica literaria e autora de Conversas con Carballo Calero, Carmen Blanco, centrouse nos anos de supervivencia da guerra e do exilio interior; e o filólogo José Martinho Montero Santalha, autor de Carvalho Calero e a súa obra, detívose nos seus últimos dez anos de vida (1980-1990), en que, xa xubilado, non deixou de traballar intensamente pola cultura galega.
Carmen Blanco intervén acompañada na mesa de José Martinho Montero Santalha e Justo Beramendi. Fonte: RAG


O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inauguraron o encontro que a RAG organiza coa colaboración da Xunta de Galicia. "A partir de agora, o simposio das Letras Galegas vai romper fronteiras", salientou o presidente da RAG en referencia a emisión en directo a través da Rede, por primeira vez, dunha actividade deste tipo. "Estas están a ser as Letras Galegas máis tecnolóxicas", coincidiu Valentín García.

Justo Beramendi, Carmen Blanco e José Martinho Montero Santalha compartiron mesa nunha sesión moderada polo director da Sección de Historia da Real Academia Galega, Ramón Villares, quen definiu a Carvalho Calero como "unha persoa que contribuíu a facer a historia de Galicia do século XX e tamén padeceu algunhas das súas adversidades máis fortes". "Dise que o século XX comeza en 1914 e remata en 1989 e Carvalho Calero, que naceu en 1910 e morreu en 1990, representa ben este curto século", expresa. O académico salienta o papel que o autor desempeñou como docente, investigador e difusor da cultura galega fóra de Galicia, de maneira especial en Portugal, ao longo dunha vida vinculada a tres cidades: o seu Ferrol natal; o Santiago dos anos de estudante e a onde volveu en 1965 para converterse no primeiro profesor, e logo catedrático, de Lingüística e Literatura Galega; e Lugo, onde Carvalho Calero, vítima da represión franquista, "puido volver á vida pública" en 1950 ao asumir a dirección do acabado de crear Colexio Fingoi.

Pola esquerda, José Martinho Montero Santalha, Justo Beramendi, Víctor F. Freixanes, Carmen Blanco, Valentín García e Ramón Villares. Fonte: RAG


O mozo que participou na elaboración do Estatuto
O protagonista do Día das Letras Galegas 2020 é ben coñecido polo seu legado como creador e crítico literario e mais lingüista, pero nos anos de mocidade foi tamén unha figura de relevancia no nacionalismo de anteguerra. O catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Justo Beramendi centrouse neste perfil de home comprometido politicamente, unha faciana que Carvalho Calero (1910-1990) amosaría dende a súa chegada a Santiago de Compostela en 1926, cando o nacionalismo, en plena ditadura de Primo de Rivera, vivía momentos complicados.

"Primeiro entrou en contacto co Seminario de Estudos Galegos. Despois participou activamente na reorganización do nacionalismo e foi tamén líder do movemento estudantil. A pesar da súa xuventude, Carvalho Calero xogou un papel bastante relevante no nacionalismo galego de anteguerra", resume o historiador. O nome de Carvalho Calero aparece, de feito, en moitos fitos daquela época: "En 1930 participou na fundación da Asociación Nacionalista de Santiago e en 1931 na do Partido Galeguista. Con só 21 anos, formou parte da súa primeira dirección, como vogal do consello executivo, foi reelixido no cargo na asemblea de 1932 e foi tamén impulsor e presidente da agrupación local de Ferrol. Ademais, participou como redactor do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia", enumera Justo Beramendi.

Carvalho Calero exerceu o activismo político "sempre na banda esquerda do movemento, partidaria non só do autogoberno de Galicia, senón tamén da súa democratización en forma republicana", salienta o catedrático. "Por iso apoiou a estratexia de Castelao e Alexandre Bóveda e foi partidario da entrada do Partido Galeguista na Fronte Popular. Presidiu a asemblea extraordinaria do PG en que se aprobou a devandita entrada e contribuíu á elección de Manuel Azaña como presidente da República en 1936", engade Justo Beramendi.

Os anos da resistencia
A profesora de Filoloxía Galega da Facultade de Humanidades de Lugo Carmen Blanco foi a encargada de abordar os anos "na resistencia" da guerra e do exilio interior da posguerra e a transición. Carvalho Calero loitou no exército republicano, foi condenado a prisión polas forzas franquistas e unha vez en liberade provisoria estivo inhabilitado durante anos para exercer empregos públicos. Malia o difícil contexto, "conduciu afirmativamente a súa profunda e precoz vocación literaria e a súa ansiada vocación profesoral", primeiro no ensino privado, de maneira especial no Colexio Fingoi, onde Carmen Blanco o coñeceu como docente sendo só unha nena; e despois na universidade pública, onde o autor da magna Historia da literatura galega contemporánea (1963) e da Gramática elemental del gallego común (1966) desenvolveu unha intensa actividade investigadora e se converteu en 1972 no primeiro catedrático de Galego da USC. Alí, profesor e alumna volveron cadrar.

"Nesta difícil resistencia fronte aos poderes dominantes, tratou de manter, con determinación intelixente e sensible, a coherencia e os principios básicos do seu precoz compromiso persoal e social galeguista da xuventude", valora Carmen Blanco. "Ese resistente amor a Galicia que deu sentido ao quefacer de toda a súa vida foi posiblemente nestes tempos de guerras e ditaduras, duras ou brandas, grazas ao apoio firme da súa muller, a profesora María Ignacia Ramos, e á axuda solidaria de compañeiros nos ideais progresistas, familiares e amigos. Tal amor permanente pola súa Galicia ideal tivo por guía o saber experimentado e maduro do Ricardo Carvalho Calero destes anos", conclúe.

A última década: activismo cultural e propostas para a lingua
José Martinho Montero Santalha pechou a primeira sesión do simposio co retrato dos dez últimos anos de vida de Carvalho Calero (1980-1990). "Xa xubilado e sen obrigas académicas, seguiu a traballar intensamente pola cultura galega e desenvolveu, malia o seu estado de saúde, un activismo cultural que nos admira: deu conferencias por todo o país, presidiu congresos e viaxou a Alemaña ou á Arxentina", indica. Estes foron ademais os anos en que publicou obras esenciais na formulación da súa perspectiva sobre a lingua, reeditou a súa produción literaria anterior e compuxo "algunhas das súas mellores obras", tanto de narrativa (Scórpio, 1987) como de poesía (Cantigas de amigo e outros poemas, 1986; Reticências..., 1990) e de teatro Os xefes (1980), sintetiza o profesor da Universidade de Vigo.

Reticências..., publicado postumamente, é para Montero Santalha seguramente o mellor libro de poesía de Carvalho Calero. "Ese libro final respira un ambiente moito máis profundo de experiencia vivida. Escribiuno cando xa estaba enfermo e era bastante consciente de que a súa vida xa non duraría moito. Contén poemas realmente impresionantes", valora.

Os libros sobre temática lingüística máis importantes de Carvalho Calero son tamén desta época, engade o profesor. "Nestes anos dedicou especial atención aos problemas lingüísticos, alarmado perante as novas circunstancias socioculturais que ameazaban o futuro da lingua da Galiza. Publicáronse entón, entre outros, os seus libros Problemas da língua galega (1981), Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990), nos cales ficaron formuladas as súas propostas a respecto da política lingüística, que constitúen o fundamento do movemento reintegracionista". No persoal, José Martinho Montero considera que esta época final "foi tamén dolorosa para el por outros aspectos", en referencia á súa postura contraria á normativa lingüística oficial e ás desavinzas por este motivo con vellos amigos.
 

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo / Carvalho Calero
Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo
Carvalho Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete