'Carta a un corvo...' de Avilés de Taramancos

Hoxe, no Día Internacional da Poesía, publicamos un texto do poeta Antón Aviles de Taramancos, nado en Noia o 6 de abril de 1935, e finado na Coruña un 22 de marzo de 1992.
Avilés de Taramancos
Antón Avilés de Taramancos de volta en Galicia en 1974 (Familia Avilés Baquero)


O poema de Avilés de Taramancos que transcribimos máis abaixo está tirado do libro A Frauta i-o garamelo, publicado na imprenta Moret da Coruña en xaneiro de 1959, e que conta con ilustracións de Lixandre (Alejandro González Pascual), cuberta de Xosé Lois, e unha dedicatoria á Academia na que se pode ler: "A Real Academia Galega, en espera de mellores tempos e labores".

CARTA A UN CORVO QUE SE CHAMA ALBERTE
Cadaleito de pomba, Alberte amigo
lecer de pleos piñeirals e noites,
dende a mesma lediza da rocha ou da caroucha esquirbo.

A meu carón, agoiro de desatada risa,
mora anterga oliveira con escuras
parola de vagalumes nenos.

Fresco ouvear de can na tua ollada
que trai o vento a tombos pol-o vento,
e digo entrana fouce tuas azas.

Deixa logo a serán pol-os labercos
nados no teu ensoño, e dime longo vieiro de montanas
para min soio.

A cada intre teño pol-a risa do ceo
un compañeiro teu que me trai novas
das toxeiras acesas, dos regatos
en onde xogo neno eternamentes.

Eiquí, agora, na colleita das noces
non sabemos o anaco de ceo de que eres dono
i-esquirboche nas tellas pra que seipas
que sempre andan comigo arcos de vella.

Tamén, o vello amigo agarimouse
nos niños de anduriña recén nados
e dorme ao sol da viña en peringuenlas.

Non mandes tua voz de estadea pol-os freixos
que eu sempre estou en todol-os camiños
buscando sol e froitos nos centeos,
rachando chambras verdes e brincando
de valado en valado pol-os peitos.

Si estás perto de Deus, dalle ista folla
amarela de viña, para que cubra
núa muller de noite no teu anxo.

 

Dedicatoria
Dedicatoria na folla de garda
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete