Carlos Núñez pescuda nas raíces musicais da "marca celta"

O gaiteiro Carlos Núñez viaxou no espazo e no tempo ao son da música con "marca celta" no relatorio que ofreceu esta tarde na Real Academia Galega. O artista vigués analizou o éxito e o significado desta etiqueta que emerxeu en Galicia con forza cando el comezou a súa carreira, nos anos 90, pero que xa levaba moito tempo aí. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, foi o encargado de presentalo.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, presenta a Carlos Núñez. Fonte: RAG


Víctor F. Freixanes lembrou a importancia para a cultura galega da "marca celta" e que esta tivo no primeiro presidente da Real Academia Galega, Manuel Murguía, un dos seus primeiros defensores, que atoparon nela un xeito de reivindicar a identidade propia. "Sexa unha realidade arqueolóxica ou simbólica, a relevancia da marca celta para a nosa cultura está aí", salientou. Tras Murguía, beberon desta fonte moitas outras figuras senlleiras da cultura galega que Carlos Núñez, con constantes referencias á música, recordou tamén no seu relatorio.

"Álvaro Cunqueiro organizou un festival celta en Vigo nos 60, mesmo anterior ao de Lorient, e para iso o escritor viaxou á Bretaña, o mesmo fixera Castelao nos anos 20. Desde alí, escribira aos seus compañeiros de Nós dicíndolles que as súas sensacións só se podían explicar en música, e Emilia Pardo Bazán no seu único texto en galego, dedicado á música, soñaba cun artista celta que a fixese espertar", repasa o músico. "O padre Sarmiento sinala que a lingua celta na que cantaran os nosos devanceiros seguía viva na gaita; mesmo a materia artúrica se pode considerar un precedente destas ondas de cantigas celtas que van e veñen dende hai séculos", prosegue.


O público segue a conferencia de Carlos Núñez. Fonte: RAG

Primeira mención literal na Escocia do s. XVIII
Tras visitar investigadores expertos na materia, como o arqueólogo Barry Cunliffe, profesor emérito da Universidade de Oxford que resituou os celtas no Atlántico e que confesou ao musico galego o seu amor pola música celta, o percorrido que ofreceu Carlos Núñez no relatorio tirou de fontes da arqueoloxía, da musicoloxía ou da antropoloxía nas que se apoia o seu primeiro libro, La hermandad de los celtas, que vai xa pola terceira edición un mes despois de saír do prelo. El mesmo é unha figura destacada da chamada música celta, cuxa primeira mención literal -explica- se atopa na Escocia ilustrada do século XVIII. A través dela leva proxectando internacionalmente a tradicional musical galega desde hai dúas décadas.

O artista profundou en distintos estudos que rastrexan as conexións musicais entre Galicia e outros territorios identificados baixo a etiqueta "celta" con raíces moitos séculos atrás, pero tamén con lazos que chegan a outras latitudes. "Os musicólogos atoparon no pop anglosaxón elementos que proveñen das arpas e das liras dos bardos celtas que tamén aparecen nas nosas cantigas medievais e seguen milagrosamente vivos por tradición oral, aquí e en Latinoamérica, ao contrario que en case toda Europa", salienta. "Como dicía Dylan no discurso de recepción do Nobel, os artistas deberían coñecer e cantar a súa propia tradición e interiorizala antes de compoñer nos estilos de moda do momento", engade.

Este rico herdo recibe, ao seu xuízo, pouca atención na península Ibérica: "España e Portugal, alén do flamenco e o fado, non souberon poñer en valor o seu patrimonio musical. Lévase anos dándolle as costas á inmensa variedade cultural que hai en España", lamenta o músico, que advirte que a música tradicional non merece ser relegada a un gueto e que ten capacidade de mover masas. Proba diso é a que se comercializa co adxectivo "celta", "a forma máis exitosa de espertar músicas tradicionais europeas e de que evolucionaran durante séculos".

A xuízo do músico, Galicia debería liderar esta perspectiva, "e non o está a facer". "Festivais celtas como o de Lorient moven anualmente 750 000 persoas, moito máis que calquera dos festivais pop rock ou indie cos que nos bombardean os medios; e o Celtic Connections de Glasgow acolle baixo a marca celta todo tipo de xéneros, porque a música celta sempre abraza e por iso segue viva e evolucionando".

Os éxitos da "marca celta" chegan tamén ao eido da música clásica. É o caso Celtic Pilgrimage, o nome escollido para o concerto que Carlos Núñez ofreceu cunha das máis antigas orquestras de Viena, co que se converteu no primeiro gaiteiro en subir ao escenario do Musikverein, que acolle o célebre Concerto de Aninovo da capital austríaca. "Celta pode ir ademais perfectamente unido á nosa outra grande marca: peregrinaxe. Non en van Compostela está tamén chea de connotacións célticas, coma a barca de pedra, ou o cabalo branco, nesa ruta que seguía as estrelas dende quen sabe cando", conclúe.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete