Arcadio López-Casanova gaña o Premio Voz de Liberdade do PEN Club Galicia

O Premio Voz de Liberdade do PEN Club Galicia, que recoñece desde 2003 a defensa da liberdade de expresión de autores do sistema literario galego, será na edición deste ano para o académico de honra Arcadio López-Casanova. Poeta, dramaturgo, crítico literario e investigador, López-Casanova (Lugo, 1942) leva desde mozo defendendo a cultura galega, "hoxe en pleno desenvolvemento e madureza", salienta. O escritor, catedrático emérito da Universidade de Valencia, publicará en breve A palabra compartida, unha antoloxía de poemas, parte deles inéditos, nos que retrata figuras senlleiras das letras galegas e amigos. Tamén saírán á luz unha obra de teatro infantil e un cancioneiriño dos anos 70 que permaneceran esquecidos.
Arcadio López-Casanova
Arcadio López-Casanova na cerimonia na que ingresou como académico de honra da RAG. Foto: Xosé Castro


O xurado, formado polo presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar, pola académica Fina Casalderrey e por Inma López Silva, Manuel Guede, Armando Requeixo, Luis Menéndez, Bieito Iglesias e Xabier Castro Martínez, acordou por unanimidade conceder o Premio Voz de Liberdade 2015 a Arcadio López-Casanova en recoñecemento á súa "fidelidade á lingua galega ao longo de máis de cinco décadas" e ao "seu permanente compromiso coa liberdade de expresión".

"Estou moi agradecido, porque é un premio do PEN Club Galicia, unha institución decisiva para a difusión e a universalización da nosa cultura", expresa o galardoado, que ingresou na Real Academia Galega como membro de honra no ano 2013 cun discurso sobre a modernidade poética de Rosalía de Castro. "Entendo que é un recoñecemento a unha actitude en defensa do país, en defensa da nosa identidade, da nosa lingua, algo que desde mozo intentei facer coa miña obra", engade o académico, que recollerá o premio o vindeiro 25 de novembro nun acto que se celebrará no Consello da Cultura Galega.

López-Casanova converteuse nun dos referentes da súa xeración poética coa publicación de Palabra de honor, en 1967, xusto un ano antes de se trasladar a Valencia por motivos profesionais. Na década seguinte, en 1976, publicou o poemario Mesteres, considerada peza fundamental na renovación da linguaxe poética do momento. "Cada xeración vai"Está a agromar unha xeración que hai que recibir con moita esperanza" achegando as tendencias novas que se van abrindo en cada época. Despois da miña, veu unha moi decisiva tanto na poesía como na narrativa e no teatro, a dos 80, que hoxe está en plena madureza, e nestes momentos está a agromar unha nova xeración que hai que recibir con moita esperanza", reflexiona.

A súa propia evolución poderá apreciarse de novo na antoloxía que está a piques de publicar, A palabra compartida, na que recolle poemas "que son retratos e homenaxes" escritos ao longo de medio século de vida, desde 1963 ata 2003. "Van desde Rosalía ata os amigos máis novos que teño, pasando polos grandes mestres da galeguidade e doutros poetas nosos que sempre tiven como compañeiros de lectura", detalla.

Non é a única novidade editorial do creador e ensaísta lugués. Tamén en breve publicarase unha obra de teatro infantil e un cancioneiriño que escribiu nos primeiros anos 70. "A obra de teatro tíñaa esquecida. Atopeina remexendo en carpetas vellas. Emocionoume moito atopala, podela refacer e que saia agora na editorial Ir Indo. E co cancioneiriño pasou o mesmo. Refixen os dous textos, amplieinos un pouquiño e van saír en pouco tempo", conclúe.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete