Achado o primeiro número de 'La tierra gallega'

A doazón procedente de José Ogea contén o primeiro número do semanario La Tierra Gallega, fundado por Manuel Curros Enríquez na Habana o 8 de abril de 1894.
Manuel Curros Enríquez
Manuel Curros Enríquez


Este exemplar, o único coñecido ata o de agora do primeiro número de La tierra gallega, publica en portada un extenso editorial no que o autor de Aires da miña terra, chegado á Habana ese mesmo ano, manifesta a súa vontade de retornar ao oficio da escrita como unha imposición do patriotismo: "Volver a nuestra mano la pluma, arma abandonada, para blandirla una vez más en honra y gloria de la vieja Galicia".

Nese mesmo editorial, Curros Enríquez reflexiona, en ton pesimista, sobre os motivos que o levaran ao abandono do exercicio da literatura e o xornalismo: "Decididos a no escribir hemos llegado a América", entre os cales salienta a teimosa persecución á que fora sometido pola censura eclesiástica e política: "¡Escribir! ¿Para qué? Para que un candidato a rey os destierre, para que Cánovas os denuncie, para que Pío Gullón os deje cesantes, para que Sagasta y Gamazo os procesen, para que un obispo os deje en entredicho…".

Curros manifesta, así mesmo, o seu completo desencanto co réxime político emanado da Restauración española, caracterizado polo caciquismo e o centralismo; a súa decepción persoal con Emilio Castelar, líder do Partido Democrático no que el mesmo militara, perfectamente integrado no novo escenario político, e a súa adhesión ao movemento rexionalista encabezado por Murguía desde a Coruña: "el cual (o xornal) nace confesando la doctrina y profesando el dogma de esa abnegada legión de regionalistas".

O primeiro número leva tamén en portada un artigo en galego de Aurelio Ribalta sobre o rexurdimento cultural galego e contén, ademais, unha gralla na datación, pois o xornal foi impreso xusto un ano despois da data que consta na súa primeira páxina, o 8 de abril de 1893.

O primeiro número de La Tierra Gallega pódese descargar aquí.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete