A toponimia, incluída na 'Lei para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial'

A Lei, publicada no Boletín Oficial do Estado do pasado 27 de maio, ten entre os seus obxectivos incluír os bens culturais inmateriais na noción de patrimonio cultural para garantir, deste xeito, a súa protección.
Sinalización viaria no Concello de Carnota.
Sinalización viaria no Concello de Carnota


O dezasete de novembro de 2014, a Academia facía público un comunicado –ao que se pode acceder nesta ligazón- no que lle solicitaba ao Congreso dos Deputados, cando esta institución estaba a preparar o proxecto da devandita Lei para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, a inclusión expresa da toponimia tradicional na definición do "Concepto de patrimonio cultural inmaterial".

Na súa declaración, a Academia alegaba o seguinte: "A copiosísima toponimia galega garda o arquivo dos distintos pobos que se teñen asentado na nosa terra desde a prehistoria, e deste xeito preserva unha información de valor incalculable para o coñecemento do noso pasado. Non obstante, como consecuencia das transformacións aceleradas que sofre o medio físico e os cambios na organización, habitación e mesmo da vivencia do espazo nas sociedades actuais, na actualidade este tesouro corre un grave perigo de deterioración ou perda irreparables. Por iso a protección da toponimia é asunto especialmente sensible para Galicia".

Esta reclamación da Academia aparece recollida de xeito expreso no Artigo 2 do Título I da Lei para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, na que se define como parte integrante do patrimonio cultural: "Tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas como vehículo do patrimonio cultural inmaterial; así como a toponimia tradicional como ferramenta para a concreción da denominación xeográfica dos territorios."

A Academia quere expresar a súa satisfacción ante a aprobación desta norma que garante a defensa institucional dun valor particularmente sensible e valioso para a nosa cultura: a toponimia, os nomes dos lugares.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete