A Real Academia Galega pon en marcha o proxecto web Primavera das Letras

O CEIP Curros Enríquez da Coruña acolleu esta mañá a presentación de Primavera das Letras. A Real Academia Galega presentou na biblioteca deste colexio do barrio coruñés de Monte Alto, no que Manuel María viviu a derradeira etapa da súa vida, este novo proxecto pensado para fornecer o profesorado, a través das novas tecnoloxías, de recursos didácticos que permitan traballar os contidos educativos relacionados co Día das Letras Galegas alén dos días previos ao 17 de maio e desde unha perspectiva interdisciplinar. 

Membros da Academia, profesorado, alumnado do CEIP Curros Enríquez, Saleta Goy e outros asistentes ao acto posan tras a presentación do proxecto Primavera das Letras, celebrada na biblioteca do centro. Foto: RAG


A cerna de Primavera das Letras é a páxina web academia.gal/primaveradasletras, desde a que se achegarán distintos materiais, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria. O proxecto está aberto tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre.

Na presentación de Primavera das Letras interviñeron o director do CEIP, Antonio Leonardo Pastor; o secretario da Academia, Henrique Monteagudo; a coordinadora de normalización lingüística do colexio, Begoña Mosquera, e o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. As académicas Rosario Álvarez e Margarita Ledo e Saleta Goy, viúva de Manuel María, tamén participaron, xunto a outros membros da comunidade escolar, nun acto no que o alumnado acaparou o protagonismo. Dous grupos de estudantes recitaron os poemas de Manuel María "Galiza", d'Os soños na gaiola; e "A fala", d'As rúas do vento ceibe; e outro interpretou un rap sobre a vida de Manuel María, composto polo profesor José Manuel López Cabana, do CEIP Antonio Fernández López de Oural (Sarria).

O director do centro foi o encargado de abrir o acto cunha intervención na que salientou que o CEIP Curros Enríquez leva dezaseis anos traballando en proxectos de dinamización e fomento da lingua galega e avogou pola relación entre o colexio e institucións como a Academia. "Nós gañamos que os nosos alumnos teñan máis vivencias, máis experiencias, favorecer a súa formación como persoas". Tras as palabras de Antonio Leonardo Pastor, que reivindicou tamén o labor de Manuel María en defensa da lingua galega, Henrique Monteagudo presentou o proxecto, que "nace da demanda sobre todo do profesorado e dunha preocupación da Academia". "Recibimos con moita frecuencia visitas de estudantes e os profesores sempre nos fan notar a conveniencia de que a Real Academia Galega cree materiais didácticos relacionados coa lingua e a literatura galega, que son moi ben recibidos polo profesorado nos centros", explicou Henrique Monteagudo.

Unha estación para a nosa literatura
Con estes recursos preténdese contribuír ademais estender a celebración e que "o Día das Letras Galegas sexa algo máis ca un día". De feito, Primavera das Letras fornecerá de novos recursos a comunidade educativa ao longo de toda a primavera, ata mediados do mes de xuño, achegándolle desde fichas didácticas a actividades interactivas. Os contidos estarán ademais accesibles na web todo o ano co propósito de poderen ser empregados en calquera momento, xerando pouco a pouco un banco de recursos que pretende ser útil para toda a comunidade escolar.

As actividades das fichas didácticas están interrelacionadas con distintos contidos do currículo escolar para facilitaren un enfoque globalizador e interdisciplinar e a súa utilidade en calquera momento. Deste xeito, poderanse traballar na aula contidos de literatura galega, a expresión oral e escrita, aspectos relacionados co coñecemento do medio natural, as ciencias sociais ou a educación artística e a creatividade. Todo isto, a través do universo literario de Manuel María, "unha figura especialmente adecuada para iniciar este proxecto, pola importancia que ten a obra que dedicou de forma específica ao público infantil", e na que abondan os versos referidos aos ríos, a paisaxe e outros elementos do medio natural, concluíu Monteagudo.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, pechou o acto loando as interpretacións do alumnado e agradeceu a hospitalidade do CEIP Curros Enríquez. Segundo recordou, Manuel María "escribiu polo menos corenta poemas en defensa da fala". O recitado polo alumnado do colexio de Monte Alto, "A Fala", "é un poema moi atinado para empezar a Primavera das Letras", recoñeceu Alonso Montero, que puxo tamén en valor a defensa da fala e da xustiza social que mantivo o escritor que lle dá nome a este centro educativo, figura esencial desde a emigración na Habana no nacemento da Real Academia Galega no ano 1905, recordou.

Algúns exemplos dos contidos de Primavera das Letras
Primavera das Letras arrinca cunha ficha na que se explica a orixe do Día das Letras Galegas, que se celebrou por primeira vez en 1963, cen anos despois de se publicar Cantares gallegos. Séguelle Manuel María, unha vida de poema, na que a biografía do autor se escribe a través de poemas como Carné de identidade e se propón ao alumnado, entre outras cousas, que escriba o seu propio carné en verso ou converterse en xornalista para recoller testemuños sobre o uso do carro, ao que Manuel María lle dedicou un dos seus poemas máis populares.

A poesía de Manuel María está chea de versos que facilitan esta mirada multidisciplinar, parte deles incluídos en dúas obras destacadas da literatura infantil galega: Os soños na gaiola, publicado por primeira vez en 1968, cando apenas había un pequeno feixe de obras en galego para o público máis novo; e As rúas do vento ceibe, de 1979. Cada un destes dous poemarios conta con cadansúa ficha didáctica.

Manuel María dedicoulle Os soños na gaiola a todos os nenos e nenas que falan galego e xuntou neste libro, segundo dicía, os versos que el botou en falta na súa infancia. Na ficha sobre este poemario proponse un achegamento á súa poesía, mais tamén á natureza, con debuxos para colorear os versos que Manuel María lle escribiu á bolboreta, ao "arco da vella co ceo subido", ao "señor merlo larpeiro", ao "ourizo ouriceiro" ou á "señora Pita", entre outras propostas.

Primavera das Letras non só recorre á obra de Manuel María para o público infantil, tamén aproveita outros versos que poden ser igualmente empregados nas escolas para abordar, ademais da lingua e da literatura en si mesmas, contidos relacionados co mundo animal ou a xeografía.


Alumnado de quinto curso recitando o poema "Galiza", de Manuel María, na presentación de Primavera das Letras. Foto: RAG



Alumnado de quinto curso do CEIP Curros Enríquez recitando o poema "A fala", de Manuel María. Foto: RAG


Outros recursos da Academia
A web da Academia, academia.gal, ofrece na sección Letras Galegas un percorrido biográfico e imaxes da vida de Manuel María e tamén está a incorporar entrevistas, poemas comentados ou reportaxes sobre a figura homenaxeada na sección Novas, que se visualiza desde a páxina de inicio.

Primavera das Letras non é o primeiro proxecto da Academia pensado especialmente para o ámbito educativo. En colaboración coa Fundación Barrié, mantén o Portal das Palabras, cunha moi boa acollida no ámbito educativo, pero pensado sobre todo para o alumnado de secundaria e persoas adultas.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h
Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete