A Real Academia Galega lamenta o pasamento de David Mackenzie

David Mackenzie faleceu hoxe en Santiago de Compostela, cidade na que residía actualmente. A Real Academia Galega, institución da que era membro correspondente desde 2001, expresa o seu fondo pesar polo seu pasamento. O profesor, nado en Sutton-in-Ashfield, Nottinghamshire, en 1943, contribuíu de xeito decisivo á expansión dos estudos galegos no mundo académico anglófono e internacional. Formado nas universidades de Oxford e Nottingham, foi profesor emérito da Universidade de Cork. 

O profesor Mackenzie profundou na súa carreira investigadora na lingüística iberorrománica e a lingüística e a literatura galegas. Tras se titular pola Universidade de Oxford, doutorouse coa tese A critical edition with linguistic and historial introduction of the "Corónica de Santa María de Iria" pola Universidade de Nottingham. Logo do seu paso pola British Library, foi profesor das universidades do Ulster (1974-1986), Birmingham (1986-1996) e Cork (1997-2008), onde foi nomeado profesor emérito. Nestas dúas últimas institucións, Mackenzie fundou os seus centros de estudos galegos.

Mackenzie  foi tamén profesor convidado en universidades dos Estados Unidos como as de Wisconsin e California. O seu mestrado estendeuse, de feito, entre Europa e América, contribuíndo enormemente á abrille as portas do mundo anglófono á lingua e á literatura galegas. Grazas e el, a Modern Humanities Research Association incluíu unha sección dedicada a elas no seu The Year's Work in Modern Language Studies, prestixioso repertorio crítico-biográfico sobre a produción científica sobre linguas e literaturas do mundo.

O seu labor comprometido coa cultura galega foi recoñecido con diferentes distincións. En 1994 recibiu o Pedrón de Honra e o "Hispanic Achivement Award at the London Hispanic Festival". En 2014, a Xunta de Galicia concedeulle o Premio da Cultura Galega na modalidade de Lingua e o verán pasado foi homenaxeado polo Instituto da Lingua Galega coa publicación de En memoria de tanto miragre: estudos dedicados ó profesor David Mackenzie.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete