A RAG e a Academia Brasileira de Letras asinan un acordo de amizade e colaboración

A Real Academia Galega (RAG) e a Academia Brasileira de Letras (ABL) asinaron esta mañá un acordo de amizade e colaboración. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o seu homólogo brasileiro, Marco Lucchesi, rubricaron o documento na sede da RAG tras unha xuntanza na que coincidiron na importancia de estreitaren os lazos entre as dúas linguas irmás e o potencial da lusofonía.

A RAG e a ABL abren as portas a través deste acordo a potenciaren o intercambio de investigacións e manifestan o interese de levaren a cabo outros proxectos de colaboración en distintos eidos.

"Asinamos este protocolo coa vocación de iniciar un camiño de colaboración entre ambas as institucións para estreitar a relación entre a área cultural lingüística brasileira e a galega", expresou Víctor F. Freixanes. "Na Real Academia Galega hai conciencia de que a lingua galega forma parte dunha familia onde están os irmáns de Portugal, do Brasil, de Angola, Cabo Verde, Mozambique… un territorio cheo de posibilidades tamén para o galego. Nós sempre dicimos que o galego non é unha lingua local, é unha lingua que forma parte dese proxecto internacional", engadiu o presidente da RAG.

O documento permitirá afondar en proxectos compartidos, unha liña na que xa traballan desde hai tempo membros da RAG desde os seus respectivos eidos e en colaboración con universidades e outras institucións do Brasil. "Gustaríanos que este fose o principio dunha colaboración estreita coa Academia Brasileira de Letras, que tivo como presidenta a unha das nosas académicas de honra, Nélida Piñon", recordou. A escritora, que en 1997 se converteu na primeira muller á fronte da ABL, ten as súas orixes en Cotobade, que é tamén a terra do protagonista do Día das Letras Galegas 2019, Antonio Fraguas.

O presidente da ABL tamén tivo palabras de afecto para a súa predecesora no marco dunha visita que cualificou como "histórica". Marco Lucchesi salientou ademais o valor sentimental que ten persoalmente para el o encontro de hoxe. "O Brasil é unha república de etnias. Toda a miña familia é italiana, mais eu coñecía Galicia desde novo nos traballadores que construíron esta república de etnias", explicou. "Non podemos perder a raíz, porque se a perdemos, perderemos a tentativa de inscribirnos nunha comunidade de destino. E a nosa comunidade de destino non é unha comunidade imperial, é unha comunidade que pasa polas linguas que nos pronunciaron. Nós só existimos porque somos pronunciados polas linguas que falamos. Dalgún modo pensamos que pronunciamos as linguas, mais son elas as que nos pronunciaron anteriormente", reflexionou.

Marco Lucchesi referiuse tamén á situación que atravesa o seu país e as liberades a nivel internacional e asegurou que "a cultura é o último bastión da república do Brasil e da democracia, o último bastión en que nós podemos desenvolver proxectos que nos afirmen na nosa orixe e no noso futuro".

Un home polifacético á fronte dunha institución nada en 1897
A Academia Brasileira de Letras, con sede en Rio de Janeiro, fundouse en 1897 co obxectivo de cultivar a lingua e a literatura nacionais. O seu actual presidente é escritor, tradutor, editor e profesor de Literatura Comparada da Facultade de Letras da Universidade Federal do Rio de Janeiro, así como investigador do Conselho Nacional de Desenvolvimento Científico e Tecnológico do seu país.

A ampla obra literaria como poeta, novelista e ensaísta de Marco Lucchesi foi recoñecida con diversos premios e os seus libros foron traducidos ao árabe, romanés, inglés, francés, ruso, turco, hindi, sueco e húngaro, entre outras linguas.

Como tradutor, achegou os lectores e lectoras lusófonos a títulos de Umberto Eco, Primo Levi, Juan de la Cruz, Quevedo, Rumi ou Hörderlin. Grazas ao seu amplo coñecemento de máis de vinte idiomas, creou unha lingua artificial denominada laputar, falada na illa de Laputa, descrita n'As viaxes de Gulliver.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete