A poesía de Chus Pato soará en galego e inglés na Universidade de Oxford

Os versos do último libro de poemas de Chus Pato soarán en galego e inglés na Universidade de Oxford. A académica foi convidada polo Queen's College a participar a semana que vén na súa residencia sobre escrita internacional e tradución, na que tamén está a intervir Erin Moure. Xuntas protagonizarán o 14 de novembro o recital d'Un libre favor (Galaxia, 2019), vertido ao inglés pola tradutora canadense de orixe galega como An Open Gift. Chus Pato manterá ademais un encontro co alumnado da Facultade de Linguas Modernas e Medievais.

Chus Pato e Erin Moure. Autores: Juan Luis Ruía e Karis Shearer


A de Chus Pato é unha das voces máis innovadoras da poesía galega contemporánea e tamén de maior proxección, con traducións a distintos idiomas. A súa creación é coñecida no mundo anglófono a través das traducións da profesora canadense de orixe galega Erin Moure, que levou ao inglés Charenton, m-Talá, Hordas de escritura, Secesión e Carne de Leviatán. Moure mergúllase agora nos versos d'Un libre favor, do que xa poden lerse tres composicións en inglés na revista Granta.

O de Oxford non será o primeiro recital internacional que comparten. No ano 2015, a poeta ourensá converteuse na primeira figura das letras galegas en rexistrar a súa voz na Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard a través dos versos de Secesión, interpretados en inglés por Erin Moure. Pero a presenza na Universidade de Oxford vai máis alá do recital, cun programa que se completa con diversas actividades.

Chus Pato e Erin Moure terán a oportunidade de reflexionar conxuntamente nos vindeiros días arredor do que significa levar unha obra a outra lingua. "Faime moita ilusión poder recitar a miña obra diante do público de Oxford, mais tamén poder traballar con Erin Moure arredor do proceso de tradución, do que ela falará en distintas conferencias", explica Chus Pato. Esta previsto ademais un encontro da poeta con estudantes da Universidade de Oxford organizado polo Centro de Estudos Galegos John Rutherford, integrado na Facultade de Linguas Modernas e Medievais.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 22 de novembro de 2019 / 19:30 h
Conmemoración do 70 aniversario da colección Benito Soto - Pontevedra
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete