A mostra 'Carvalho Calero. A voz presente' chega á Coruña

A Coruña acolle ata o 1 de outubro a mostra Carvalho Calero, a voz presente. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou este xoves na inauguración na biblioteca Miguel González Garcés da exposición organizada pola Associaçom Galega da Lingua (AGAL) co apoio da Xunta de Galicia, que se configura arredor dunha ducia de paneis, un audiovisual e un díptico explicativo que pode descargarse a través dun código QR.

O presidente da RAG intervén na inauguración da exposición


A mostra ofrece un percorrido pola vida do protagonista do Día das Letras Galegas 2020 e detense nos espazos que marcaron a súa traxectoria, as circunstancias políticas que rodearon a súa obra, o seu labor como creador literario, o seu traballo como filólogo e o seu ideario lingüístico.

Víctor F. Freixanes participou na visita á mostra canda o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os directores xerais de Políticas Culturais e de Patrimonio Cultural, Anxo M. Lorenzo e M.ª Carmen Martínez Ínsua; a filla do autor homenaxeado Margarita Carballo Ramos; o presidente da AGAL , Eduardo Sanches Maragoto, e a directora da biblioteca González Garcés, Marisol González.

Tras facer parada na Coruña, a exposición poderá verse no mes de outubro nas bibliotecas públicas de Santiago de Compostela e Pontevedra, a Ánxel Casal e a Antonio Odriozola. En novembro e decembro chegará á biblioteca de Ourense Xeración Nós, á biblioteca pública municipal de Ribadavia e á sede da Fundación Ramón Otero Pedrayo, en Amoeiro (Ourense), para completar o percorrido que arrincou no mes de xuño no Centro Comarcal Pazo Santomé de Mondoñedo (Lugo), no Museo do Mar de Galicia (Vigo), na bibioteca pública de Lugo e na Casa dos Poetas de Celanova (Ourense).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo
Carvalho Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete