A Biblioteca da RAG amosa unha mostra bibliográfica sobre o libro galego con agasallo

Catálogos sobre exposicións dedicadas ao libro galego e obras sobre a historia da imprenta en Galicia compoñen a escolma de volumes que esta semana amosa a Biblioteca da Real Academia Galega co gallo do Día do Libro, que se celebra o sábado, 23 de abril. As persoas que visiten estes días este servizo da rúa Tabernas, 11 recibirán como agasallo unha das obras editadas pola RAG.

A mostra bibliográfica que se pode ver na sala de lectura da Biblioteca da RAG inclúe catálogos sobre exposicións do libro galego celebradas desde os anos corenta do século pasado tanto en Galicia como en Cataluña, Buenos Aires e Montevideo. O máis antigo corresponde á "Primera Exposición del Libro Lucense", que tivo lugar entre o 23 e o 29 de abril de 1945 en Lugo e que percorreu a historia dos impresores lucenses desde o século XVI, dos escritores da provincia e de obras relacionadas con Lugo. Tamén se pode ver o folleto da "1ª Exposición La Imprenta Compostelana", organizada polo Instituto Padre Sarmiento en 1948, centrada en libros e folletos ata 1868, e que deu conta do traballo de tipógrafos que exerceron desde o século XV en Compostela; o catálogo da "I Exposición del Libro Gallego" organizada polo Centro Galego de Montevideo en 1969 ou o da "1ª Exposición del Libro Gallego Antiguo de Buenos Aires", patrocinada no ano 1970 pola Real Academia Gallega.

Nesta exhibición do Centro Galego de Buenos Aires o público puido coñecer El Catón Compostelano (1800), o primeiro xornal que se publicou en Galicia, que tamén viaxou dous anos despois á "1ª Mostra do Libro Galego en Cataluña" xunto a outras obras da Biblioteca da Academia como Descripción del Reyno de Galicia, do século XVI.

A historia da imprenta é a protagonista doutra parte da escolma bibliográfica, con títulos escritos por membros da RAG como La imprenta en Galicia en el siglo XVI (1934), de Atanasio López; Ánxel Casal e o libro galego e Presencia de Vigo na industria do libro e nas publicacións periódicas, de Francisco Fernández del Riego; ou Historia de la imprenta en Galicia (1991), que Xosé Ramón Barreiro asinou xunto a Antonio Odriozola.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar