A asociación estadounidense de didáctica das ciencias distingue a Marilar Aleixandre

Para o gran público Marilar Aleixandre é coñecida sobre todo como escritora, pero tamén é unha autora de prestixio internacional polas súas contribucións á didáctica das ciencias. A académica, profesora ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela, recollerá a finais de mes en Baltimore un novo recoñecemento por este labor, a máxima distinción que concede cada ano a asociación estadounidense de investigación en didáctica das ciencias, o galardón máis importante do mundo neste eido.

A National Association for Research in Science Teaching (NARST) distinguiu a Marilar Aleixandre co Premio á Contribución Sobresaliente á Investigación 2019, o que a converte na primeira persoa española e a quinta europea en recibilo. A asociación recoñece anualmente a traxectoria dunha figura que "por medio da investigación, durante un período extenso, fixo contribucións continuadas e sobresalientes, forneceu de notable liderado e tivo un impacto substancial na área de didáctica das ciencias". O galardón será entregado o 31 de marzo no congreso anual da NARTS, que se celebrará en Baltimore.

Entre as achegas de Marilar Aleixandre neste campo, salienta a súa condición de primeira autora dun dos artigos pioneiros na investigación sobre argumentación e uso de probas en ciencias, "Doing the lesson or doing science: Arguments in high school genetics". Publicado na revista Science Education no ano 2000, é o traballo científico máis citado de educación de autoría española.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete