A Academia recibe a visita do arcebispo Julián Barrio

A Real Academia Galega recibiu en visita institucional o arcebispo de Santiago, que quixo aproveitar a ocasión para recoñecer o "esforzo de dignidade e prestixio cara á lingua e os seus falantes que os académicos realizan día a día". Julián Barrio foi recibido polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes, quen lles amosou ao arcebispo e aos seus acompañantes a biblioteca, o arquivo da RAG e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, e agradeceu o seu interese polo labor da Academia e polo patrimonio que custodia.

O arcebispo Julián Barrio e o presidente Víctor F. Freixanes na Academia. Fonte: RAG


Julián Barrio visitou a Academia acompañado do vicechanceler secretario da arquidiocese de Santiago, Manuel Jesús Formoso, e o párroco da cidade vella da Coruña, Andrés García Vilariño. O arcebispo asinou no libro de honra da institución e dedicou á RAG un discurso no que define a palabra como "unha realidade marabillosa" e salienta as achegas de relixiosos como López Ferreiro, o arcebispo Lago, o padre Sarmiento ou Saco Arce á cultura e ao estudo da lingua galega.

"Algúns pensan que somos os seres humanos quen fixemos a palabra. Prefiro a opinión de quen cre que é a palabra a que nos creou a nós como seres intelixentes e libres. Ao principio era a Palabra. En todo caso o poder da palabra é inmenso. A linguaxe é un instrumento para o avance e a clarificación do pensamento", expón.

O discurso completo de Julián Barrio na RAG pode lerse nesta ligazón.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete