A Academia elixe o 7 de xullo a figura que será homenaxeada o Día das Letras de 2019

O Pleno da Real Academia Galega decidirá o sábado 7 de xullo quen será a personalidade homenaxeada o Día das Letras Galegas de 2019. Tras o peche do prazo establecido para a presentación de candidaturas, os membros de número da institución someterán a votación as dúas propostas rexistradas: Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) e Antón Fraguas Fraguas (Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999).

Pola esquerda, Ricardo Carballo Calero nunha imaxe do arquivo da RAG e Antón Fraguas retratado por Manuel Matas (imaxe cortesía do Museo do Pobo Galego)


No primeiro Plenario despois da celebración do Día das Letras Galegas, a corporación debe elixir a persoa a quen se lle dedica o seguinte 17 de maio. Así o establece o Regulamento de Réxime Interno da Real Academia, que indica que a figura homenaxeada debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe". A normativa fixa igualmente que deben pasar polo menos dez anos entre a súa morte e a designación para ese día.

A Real Academia Galega creou o Día das Letras Galegas en 1963. Desde aquel ano, dedicado a Rosalía de Castro, esta festa da cultura de noso vénse desenvolvendo sen interrupcións e converteuse nunha celebración de referencia na que, alén dos actos académicos, participa a sociedade no seu conxunto con múltiples iniciativas por todo o país e a Galicia exterior.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete