A Academia e PuntoGal premian nove relatos de autoras e autores de todas as idades entre case 500 propostas

Jessica Rodríguez Sánchez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, Óscar Fernández Freire, coruñés de 17 anos, e Claudia Martínez Asenjo, compostelá de 11 anos, son as persoas gañadoras dos tres primeiros premios, nas modalidades de adultos, xuvenil e infantil, do II Concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal. O xurado, reunido este mediodía na sede da RAG, escolleunos entre as case 500 propostas recibidas xunto a outros seis microrrelatos distinguidos cos segundos e os terceiros premios, asinados por amantes da escrita de todas as idades.

Pola esquerda, Mercedes Queixas, Valeria Pereiras, Darío Janeiro, Víctor F. Freixanes e Manuel González, membros do xurado, na xuntanza mantida hoxe na Academia. Fonte: RAG


A Real Academia Galega e PuntoGal convocaron por segundo ano o concurso de microrrelatos, aberto a textos de ata 200 palabras, co obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico Manuel González; a escritora e académica correspondente Mercedes Queixas Zas; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e coordinadora de Luzes, Valeria Pereiras, conformaron o xurado que avaliou os relatos presentados ao certame, case un cento máis que na primeira edición.

A psicóloga e logopedista Jessica Rodríguez Sánchez fíxose co primeiro premio na modalidade de adultos cun relato de 85 palabras titulado "A fiestra". O mellor texto na modalidade xuvenil foi para "Cacería nocturna", de Óscar Fernández Freire, alumno de primeiro de bacharelato do Colexio Eirís da Coruña; e o primeiro premio de infantil mereceuno Claudia Martínez Asenjo, alumna de sexto de primaria no CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela, co relato "O valor dos nomes".

Na modalidade de adultos, o segundo premio foi para "A primeira palabra", un texto presentado pola química e divulgadora científica Ángela Arnosa Prieto, veciña de Naraío (San Sadurniño) de 22 anos; e o terceiro foi para "Black Friday", de Eduardo Cameselle Iglesias, vigués de 75 anos e enxeñeiro técnico xubilado.

Na modalidade xuvenil, Martina Lois Cuns, estudante de bacharelato do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, fíxose co segundo premio por "Un día máis"; e Cristina Fojo Rubio, alumna do Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña, gañou o terceiro con "O amigo mar".

O xurado tamén premiou co segundo e o terceiro premio da modalidade de infantil os relatos "A fada Every", de Alba Díaz Mera, alumna de sexto de primaria do CEIP A Gándara de Narón; e "O can enxesado", de Pablo Mirás Sánchez, estudante do mesmo curso no CEIP de Rebordáns de Tui.

As nove persoas premiadas recibirán diferentes premios de perfil tecnolóxico, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios, un dominio .gal gratuíto durante un ano. A Real Academia e PuntoGal publicarán os textos seleccionados nas súas páxinas web. Luzes tamén reproducirá unha escolma dos relatos participantes e agasallará as persoas gañadoras na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete