70 anos do 'Sempre en Galiza'

O 10 de marzo de 1944, Edición As Burgas, dependente do Centro Ourensán de Bos Aires, publicaba un dos libros máis influentes do século XX galego: Sempre en Galiza.
Anteportada e portada o libro
Anteportada e portada o libro


Considerada a biblia do galeguismo, a obra, dividida en catro partes e con dedicatoria a Alexandro Bóveda, recolle unha escolma de artigos que Castelao viña escribindo xa desde 1935, cando o goberno lerrouxista o enviara ao desterro en Badaxoz, e que aparecen publicados so o epígrafe "Adro". As outras tres partes aparecen situadas en Barcelona e Valencia en 1937 ("Libro Primeiro"); Nova York e Atlántico de 1940, ("Libro Segundo") e Bos Aires, 1943, ("Libro Terceiro"). Posteriormente, na segunda edición da obra de 1961, engadiríaselle un "Libro Cuarto" que contén textos escritos de 1944 a 1947 en Bos Aires, entre eles, a célebre "Alba de Groria" que se pode consultar aquí.

A natureza fragmentaria do libro e o seu delongado período de composición nun tempo histórico moi convulso que abrangue desde a II República, e a Guerra Civil española ata a posguerra no exilio americano, fan do Sempre en Galiza, máis que unha obra teórica de carácter unitario, unha miscelánea de textos de variada tipoloxía que van reflectindo a evolución do seu autor, e que están guiados, ideoloxicamente, por dous obxectivos estratéxicos: "a liberación nacional de Galicia e a emancipación socioeconómica do campesiñado galego" (Beramendi e Máiz, 1992).

Dedicatoria de Daniel Calzado á Academia
Dedicatoria de Daniel Calzado á Academia


O volume que posúe a Academia procede da doazón feita o 8 de decembro de 1951 por Daniel Calzado a esta institución nun momento no que a circulación do Sempre en Galiza no noso país era aínda clandestina. Daniel Calzado (Tomiño, Pontevedra, 1891-Bos Aires, 1972) foi alcalde da súa vila natal durante a II República, participou tamén na Federación Agraria de Tomiño e de Tui e, logo da caída da República, volveu a Bos Aires, onde xa estivera emigrado de mozo. Asemade, formou parte do Consello de Galicia, institución creada por Castelao para representar o noso país no exilio.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete