Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos presentan o terceiro tomo das cartas a Murguía

Os académicos Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos presentaron o pasado xoves en Padrón o terceiro tomo das cartas a Murguía. O volume xunta 501 misivas enviadas ao intelectual desde 1886, poucos meses despois do pasamento de Rosalía de Castro, ata semanas antes da súa propia morte en febreiro de 1923. O novo título é o penúltimo dun epistolario que chegará ás case dúas mil cartas, a maior parte pertencente aos fondos da Real Academia Galega. O proxecto, salienta o profesor Barreiro Fernández, constitúe unha ferramenta fundamental non só para "construír a historia de Rosalía e Murguía, senón para poder facer a historia de Galicia dese período".

"A carta supón un discurso autónomo e singular que no caso que nos ocupa está moi relacionado coa construción de Galicia como nación. Toda a obra histórica e literaria do matrimonio Murguía-Rosalía está ao servizo da reivindicación nacional, e a correspondencia permítenos seguir o proceso e a metodoloxía empregada, incluídas as fontes tanto librescas como arqueolóxicas", abunda Xosé Luís Axeitos.

Os académicos conclúen con este terceiro volume a edición da correspondencia pasiva de Manuel Murguía, un conxunto monumental de máis de 1.500 cartas. O cuarto e derradeiro tomo presentará correspondencia activa do patriarca e as cartas familiares, incluídas as de Rosalía, que se reducen a unhas 38 como correspondencia pasiva e non máis de 16 de correspondencia activa.

Cartas a Murguía III (1886-1923) permite profundar en diferentes sucesos e circunstancias históricas daqueles anos. Xosé Luís Axeitos salienta seis temas, empezando pola constitución, a partir de 1890, da Asociación Rexionalista Galega e os sucesivos Comités Rexionalistas, cos que se amplía a correspondencia a outros territorios, sobre todo Cataluña. Outro grupo de cartas céntranse, cos mesmos fins, na organización do traslado dos restos de Rosalía a Santiago (1891) ou nos Xogos Florais de Tui.

O novo tomo, publicado pola Fundación Rosalía, inclúe ademais cartas relacionadas coa edición e a tradución da obra da escritora e outras de amizades que valoran a edición da producida por Murguía. Outro feixe de misivas son necrolóxicas tras a morte dos fillos de ambos, e destaca ademais a correspondencia con políticos liberais a raíz do cesamento inxustificado de Murguía como arquiveiro.


Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos, no centro da imaxe, acompañados polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, na presentación de Cartas a Murguía III. Fonte: Fundación Rosalía de Castro


O volume péchase coa carta que lle envía Salvador Cabeza de León a Murguía poucos días antes do seu pasamento. Xosé Luís Axeitos salienta o valor simbólico desta liñas datadas o 2 de xaneiro de 1923, nas que despois de felicitalo pola súa onomástica e o Aninovo, o vello profesor rememora con nostalxia os anos de esperanza e de loita compartidos: "(...) Y no puedo menos que sentirme altísimamente halagado al pensar en aquellos días tan llenos de esperanzas y de ilusiones, tan henchidos de promesas y de trabajos, y en los que, bajo la dirección del insigne maestro que nos llevaba a la lucha, hemos combatido por la madre Galicia".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete