Xosé Luís Axeitos reivindica a Ramón Rey Baltar nun encontro na Biblioteca Nacional sobre o exilio republicano

Xosé Luís Axeitos participou este mércores na mesa redonda sobre nacionalidades e culturas do exilio republicano de 1939 celebrada na Biblioteca Nacional de España. O académico centrou a súa intervención n'A gaita a falare (Buenos Aires, 1939) de Ramón Rey Baltar, "testemuña das angueiras e a loita de emigrados e exiliados galegos", salienta. Nesta obra singular, prologada por Eduardo Dieste, emerxe como reacción á guerra o Rey Baltar poeta civil.

Xosé Luís Axeitos, á esquerda da imaxe, cos demais intervenientes na mesa redonda organizada pola Biblioteca Nacional. Fonte: Biblioteca Nacional


Xosé Luís Axeitos compartiu mesa redonda con María Campillo, Josu Chueca, Jorge de Hoyos Puente e José Ramón López García, un dos comisarios da exposición O exilio republicano de 1939, oitenta anos despois, que se completa coa programación de actividades que arrincou con esta sesión. O académico participa tamén nesta iniciativa cun dos textos do catálogo da mostra.

Ramón Rey Baltar (Padrón, 1882 – Arxentina, 1969), médico de profesión, estableceuse definitivamente no ano 1914 en Buenos Aires. Na capital porteña saíu á luz en 1939 o seu libro A gaita a falare, a primeira publicación en galego que abordou a traxedia da guerra civil española. O académico profundou na súa intervención nesta obra precursora da poesía civil que máis tarde desenvolverían outros autores como Luís Seoane. Xosé Luís Axeitos dedicou a este último outra recente intervención na Universitat de València, nunhas xornadas sobre as editoriais e os editores do exilio republicano. A súa achega será publicada proximamente na revista de estudos sobre exilios culturais Laberintos.

Xosé Luís Axeitos visitará Granada o vindeiro 27 de novembro para falar dos Seis poemas galegos (Nós, 1935) de Federico García Lorca. A cita será no Museo Casa de los Tiros, onde profundará no diálogo do poeta granadino coa cultura galega. Alén de deterse nestes versos, analizará outros escritos significativos das súas impresións sobre Galicia e evocará as súas amizades galegas, entre as que se encontraba o propio Luís Seoane.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h
Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete