Viveiro nomeará a Luz Pozo Garza filla adoptiva o 18 de novembro

O Concello de Viveiro nomeará a Luz Pozo Garza filla adoptiva. A escritora e académica será homenaxeada o domingo 18 de novembro nesta localidade, onde pasou parte da súa infancia e exerceu a docencia durante anos. O acto terá lugar no Teatro Pastor Díaz a partir das 12:30 horas.
Luz Pozo Garza. Autor: Xosé Castro / RAG

A corporación municipal de Viveiro acordou por unanimidade no pleno do pasado 11 de outubro concederlle o título de filla adoptiva a Luz Pozo Garza, respondendo así a unha iniciativa que partiu de Luis Fernández e de Marisol Prieto e que foi apoiada por diversos colectivos locais e máis de 160 veciños e veciñas a título persoal. Este non será o primeiro recoñecemento desta vila luguesa á escritora. O pasado mes de marzo, o claustro da escola oficial de idiomas de Viveiro decidiu darlle o seu nome ao centro educativo, que se sumou así á campaña Nomearnos en feminino do Observatorio pola Igualdade da Mariña.

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), a decana dos poetas galegos en activo, leva oito décadas creando versos. Ingresou en 1950 na RAG como correspondente e desde 1996 é membro de número. A institución rendeulle homenaxe en xullo de 2017 co gallo do seu 95 aniversario nun emotivo acto no que recordou a súa decisión, en plena ditadura, de pasar a escribir en galego, lingua na que publicou un libro por primeira vez en 1952.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete