Visita do alumnado da Universidade de Zürich

Acompañado polo profesor da Universidade de Zürich e membro correspondente da Academia Johannes Kabatek, o alumnado foi introducido na historia e as funcións desta institución.
Johannes Kabatek, Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo.
Johannes Kabatek, Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo


En total, foron máis de trinta os alumnos que visitaron o pasado 20 de abril a Academia co fin de coñecer, da man do seu presidente, Xesús Alonso Montero, as súas instalacións, historia, funcións e regras de funcionamento interno. No seu discurso, o presidente da Academia trazou unha visión panorámica da Academia desde a súa fundación, promovida desde Cuba pola comunidade galega na illa liderada por Xosé Fontenla Leal e Curros Enríquez en colaboración co grupo coruñés organizado ao redor da figura de Manuel Murguía, ata o día de hoxe.

Os alumnos da Universidade de Zürich visitaron así mesmo a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.
Os alumnos da Universidade de Zürich visitaron así mesmo a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.


No que atinxe ás súas funcións, Xesús Alonso Montero salientou, así mesmo, a evolución nos obxectivos e ámbitos de estudo da Academia ao longo dos seus máis de cen anos de historia, desde o enfoque multidisciplinar dos seus inicios -que abranguía o estudo da historia, a etnografía e a cultura galegas, ademais da lingua e a literatura propias- ata a súa actual especialización no ámbito lingüístico e, nomeadamente, na función normativa.

O presidente da Academia rematou o seu discurso evocando a importancia dos romanistas alemáns no estudo da lingua galega: "Neste sentido, podemos afirmar que os filólogos xermánicos tiveron un papel pioneiro no estudo de certos aspectos da nosa realidade lingüística, como a dialectoloxía", concluíu.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete