Unha xornada recupera a poesía relixiosa galega de Samuel Eiján

O convento de San Francisco de Santiago de Compostela acollerá na tarde do vindeiro mércores 12 de decembro a xornada Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega. Samuel Eiján (Leiro, Ourense, 1876 – Santiago de Compostela, 1945) foi novelista, ensaísta, poeta, tradutor, historiador e profesor. O relixioso franciscano escribiu parte da súa obra en galego e converteuse axiña nun referente para a intelectualidade do momento, pero a súa creación e a súa figura ficaron esquecidas nos últimos tempos fóra do ámbito dos especialistas. O encontro da vindeira semana recordará o seu legado cun programa no marco do cal será presentado o libro que recompila a súa poesía galega, editado polo historiador Francisco Leira e polo crítico literario Armando Requeixo.

Samuel Eiján foi nomeado en 1915 membro correspondente da Real Academia Galega e en 1941 pasou a formar parte do seu pleno como numerario. A institución á que pertenceu organiza na súa memoria o encontro do 12 de decembro da man da Provincia Franciscana de Santiago, á que tamén estivo vinculado, co apoio da Xunta de Galicia mais a colaboración do Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega.

A xornada será presentada en rolda de prensa ese mesmo día aos medios de comunicación no convento compostelán de San Francisco, ás 12:30 horas, polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o ministro da Provincia Franciscana de Santiago, José Antonio Castiñeira Chouza.

O programa arrincará no convento de San Francisco ás 16:00 horas cunha primeira achega ao autor a cargo de Francisco Leira, que ofrecerá unha análise do seu tempo e pensamento. Ás 16:45 horas será a quenda de Armando Requeixo, que falará da "teopoética galega" de Samuel Eiján. A actividade retomarase ás 18:00 horas cun relatorio de José R. Rodríguez Lago que profundará na relación entre o clero católico e o galeguismo. O serán concluirá coa presentación, ás 19:00 horas, de Samuel Eiján. Poesía reunida, publicado pola Academia, a Xunta de Galicia e a Provincia Franciscana de Santiago. O presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, e a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, acompañarán os editores do libro, Francisco Leira e Armando Requeixo.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar