Unha ollada etnográfica sobre a transmisión interxeracional do galego nas familias a prol do idioma

Procede dunha comunidade cunha lingua minoritaria no seu país, o bengalí, pero orgulloso do seu idioma. Hoxe esta orixe segue presente no labor como investigador de Anik Nandi (Burdwan, A India), especialista en política lingüística, transmisión interxeracional e linguas minoritarias. As tres áreas están presentes no estudo que realizou sobre o papel dos proxenitores pro-galego como tese de doutoramento, cuxo traballo de campo desenvolveu con familias de Santiago de Compostela, Bertamiráns, Vigo, Esteiro e Narón. O sociolingüista expuxo as principais conclusións deste estudo na conferencia que impartiu o pasado venres nos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" organizados pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela, dos que foi alumno hai anos. Na actualidade segue profundando neste eido como investigador asociado do Seminario de Sociolingüística da Academia.

Anik Nandi no ILG. Fonte: RAG


A lingua materna de Anik Nandi é o bengalí, un idioma que, malia os seus 260 millóns de habitantes, é minoritario na India. Tamén fala hindi e sánscrito, e estudou en Calcuta Filoloxía Inglesa e español, o idioma que o trouxo en 2007 por primeira vez a Galicia. O seu destino foi Ourense, onde axudaba ao alumnado estranxeiro da Escola de Arte Antonio Faílde. Alí prendeu nel o interese pola lingua e a cultura galegas, o motivo que o traería de volta un ano despois para centrarse na investigación sociolingüística da man do profesor da USC e académico da RAG Henrique Monteagudo. Durante esta etapa tamén percorreu e coñeceu o país, e a diversidade do galego, como reporteiro do programa Galicia 10 da TVG, pero a tese iniciada en Galicia e dedicada a Galicia rematouna finalmente na Universidade Heriot-Watt de Edimburgo no ano 2016. Na actualidade é investigador da Queen's University de Belfast, onde está a investigar as políticas lingüísticas orientadas ás linguas dos inmigrantes. É ademais colaborador da Cátedra Unesco de Patrimonio Lingüístico Mundial da Universidade do País Vasco e participa como investigador asociado no estudo sobre lingua e infancia que está a desenvolver a Real Academia Galega.

O filólogo faloulles hoxe aos alumnos e alumnas dos cursos "Galego sen fronteiras" da súa investigación sobre o papel dos proxenitores pro-galego na transmisión interxeracional no contexto familiar, na que contou coa colaboración de fogares formados por homes e mulleres nados a partir de 1975 e que, polo tanto, viviron xa as primeiras políticas lingüísticas da Autonomía. Neste estudo etnográfico tratou de responder, entre outras cuestións, se as estratexias postas en marcha polos pais e nais son as que determinan os resultados ou se existen factores sociais e estruturais que pesan neles.

"Os datos xerais deste estudo confirman que a casa se converte nun complexo contexto de continua negociación entre galego e castelán. Malia as políticas lingüísticas de resistencia dentro da familia a prol do galego, moitos pais e nais pro-galego non conseguen que os seus fillos continúen falando galego", explica. E é así porque o castelán é no seu contexto a lingua predominante no exterior, na escola, nos espazos de xogo ou nos medios de comunicación, engade Anik Nandi.

Os resultados do seu estudo indican, xa que logo, que a transmisión interxeracional do idioma non depende só do compromiso individual dos proxenitores e que é preciso, entre outras medidas, desenvolver accións non só a prol do coñecemento do idioma senón tamén da mellora do seu status social. "Unha das ferramentas máis importantes na normalización lingüística é a planificación do status das linguas minoritarias que se podería conseguir a través da implantación real dunha política lingüística en prol da lingua minoritaria. Dende o comezo da Autonomía, aínda que existía unha política lingüística nos documentos oficiais, non houbo unha implementación axeitada por parte do goberno", considera. Outro factor clave, engade o sociolingüista, é "crear pontes entre a escola e a familia, que son os lugares nos que a aplicación da política lingüística ten lugar na práctica do día a día".


Anik Nandi conversa co codirector dos cursos Xosé Luís Regueira minutos antes do inicio da conferencia. Fonte: RAG
 

Alumnado seguindo a intervención de Anik Nandi. Fonte: RAG
Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar