Unha muiñeira para Fraguas

A obra de Antonio Fraguas ten unha estreita relación coa música. O etnógrafo recolleu na súa mocidade case un milleiro de coplas populares da súa terra natal que logo publicaría no Cancioneiro de Cotobade, versos para cantar e bailar en foliadas ou muiñadas. Daquel tempo queda xa pouco, pero a música tradicional segue viva e a tradición oral que documentou inspira composicións como a que o músico Rubén Troitiño lle dedicou ao protagonista do Día das Letras Galegas 2019, a Muiñeira para Antonio Fraguas. A peza, que pode escoitarse na web do compositor, gravouse coa colaboración de catro agrupacións musicais do concello natal do homenaxeado, Cerdedo-Cotobade: Os Afoutes do Canón do Pau, Os Trazantes de Tenorio, Foula e Os Abrentes de Cerdedo.

O músico Rubén Troitiño


"A Muiñeira para Antonio Fraguas foi composta con diversos xiros e harmonías moi empregadas na música tradicional, deixando entrever algunha que outra melodía oculta pertencente á zona de Cotobade e da contorna, chegando a rozar incluso o concello de Forcarei, onde tamén teño as miñas raíces", explica Rubén Troitiño. "Busquei tamén o peso da percusión, que é clara e tallante, dándolle así un carácter de marcha e intentando plasmar o peso e a importancia de Antonio Fraguas na nosa cultura", engade.

A peza para Fraguas foi gravada coa colaboración de integrantes, entre os 12 e os 70 anos, de catro agrupacións musicais en só dous días. "O proceso de gravación foi rápido, buscando sempre un son natural e que, pese a ser unha obra de autor, reflectise o aire que teñen as composicións que xa consideramos de corte tradicional", detalla. A Muiñeira para Antonio Fraguas foi estreada o 12 de maio, da man de Emilio Españadero, no programa Lume Na Palleira da Radio Galega. Pouco despois cruzou o Atlántico e puido escoitarse na celebración do Día das Letras Galegas no centro galego de Caracas.

Rubén Troitiño valora a decisión da Real Academia Galega de lle dedicar o 17 de maio a Antonio Fraguas. "Volveu revivir o Cancioneiro de Cotobade, que recompila coplas ás veces esquecidas pola maior parte das veciñas e veciños do concello. Este traballo de Fraguas amosa unha parte fundamental da transmisión oral, do noso patrimonio inmaterial. Mostra unha realidade pasada que hoxe nos soaría a algo estraño, ou que simplemente descoñeceriamos", expresa.

Tradición que segue a ser cultura viva
A celebración do 17 de maio dedicado a Fraguas cadrou en calquera caso nun momento de boa saúde para a música tradicional nas terras onde naceu e medrou. "Na zona de Cerdedo-Cotobade e arredores hai numerosas asociacións adicadas ao estudo, a conservación e a difusión da música tradicional, estase vivindo unha época moi activa, impulsada en gran medida pola propia memoria colectiva do lugar. Ao son das pandeiretas, facíanse numerosas festas coas veciñas e veciños dos lugares da contorna. Os gaiteiros non eran menos, e algúns deles chegaron a acadar moita sona. Na actualidade isto segue sendo parte fundamental da cultura viva pero cun carácter máis actualizado", conclúe.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 12 de novembro de 2019 / 10:45 h
Toponimízate: IES Francisco Asorey - Cambados
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete