Unha mirada ás Irmandades desde Lugo

Poucos días antes do aniversario da I Asemblea Nacionalista, celebrada os días 17 e 18 de novembro 1918 polas Irmandades da Fala en Lugo, a Real Academia Galega organizou onte nesta cidade unha mesa de debate sobre tres destacados membros deste movemento e asinantes do manifesto que saíu daquel encontro: Lois Peña Novo, Vicente Risco e Ramón Cabanillas. Manuel Roca Cendán, Olivia Rodríguez e Francisco Fernández Rei profundaron nos seus perfís nun acto moderado por Darío Xohán Cabana, que recordou a importancia de Lugo non só como sede da I Asemblea Nacionalista, senón tamén como lugar de inicio da revolución provincialista, "fermento" do desenvolvemento posterior do galeguismo.

Pola esquerda, Francisco Fernández Rei, Olivia Rodríguez, Manuel Roca Cendán e Darío Xohán Cabana nun momento da mesa de debate. Autor: RAG


A mesa, parte do ciclo organizado pola RAG co gallo do centenario das Irmandades, No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, tivo lugar na Deputación de Lugo, que colaborou nun programa que tamén ten o apoio da Xunta e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Darío Xohán Cabana foi o encargado da introdución en clave local unindo dous acontecementos históricos: a propia I Asemblea Nacionalista e a revolución provincialista promovida polo coronel Solís, que empezou o 2 de abril de 1846 en Lugo, "primeira e derradeira cidade revolucionaria daquela xeira".

Desde a casa do concello luguesa, Solís lanzara o seu berro de rebelión diante das tropas e do pobo, dando lugar a "unha revolución que fracasou, pero que quedou dentro do imaxinario galeguista cravado dunha maneira profunda". "Murguía e Pondal eran pequenos cando sucedeu a batalla de Cacheiras e se perdeu a esperanza revolucionaria, pero iso foi o fermento do provincialismo, do rexionalismo e do nacionalismo", salientou Darío Xohán Cabana. Setenta e dous anos despois, en novembro de 1918, Lugo volveu ser un referente histórico ao acoller a I Asemblea Nacionalista, na que as Irmandades da Fala deixaron definitivamente atrás o rexionalismo e se declararon nacionalistas.

O académico lembrou que durante moito tempo se pensou que aquel encontro tivera lugar no hotel Méndez Núñez, ata que unha investigación do lugués Xulio Pardo de Neyra advertiu que o mitin do día 17 foi celebrado no Lugo Salón, un cine de referencia nos primeiros anos do século XX que daquela xa funcionaba como sala de festas. Porén, Darío Xohán Cabana engadiu que a prensa daqueles días indica tamén que a sesión da asemblea do día 18 tivo lugar "en una habitación del Hotel Méndez Núñez", de modo que o manifesto ben se podería ter acabado de redactar neste establecemento, Sexa como for, as Irmandades expuxeron no texto que saíu da asemblea o seu programa "e marcaron o inicio dun movemento político que despois culminou no Partido Galeguista, pero tamén coa adscrición dos irmandiños a outros partidos democráticos como a ORGA ou o PSOE no caso de Xaime Quintanilla, que estivo presente naquela xuntanza".

Lois Peña Novo e os problemas económicos de Galicia
O manifesto da I Asemblea Nacionalista, pioneiro na defensa da cooficialidade da lingua galega ou da igualdade de dereitos entre as mulleres e os homes, incidía en distintos problemas políticos e económicos de Galicia e propuña medidas para atallalos. A unha destas cuestións, a económica, prestoulle moita atención o vilalbés Lois Peña Novo, cuxas achegas neste eido centraron a intervención doutro vilalbés, o economista Manuel Roca Cendán, baixo o título Lois Peña Novo: o soño do desenvolvemento de Galicia.

Do político e avogado, fundador da agrupación irmandiña de Vilalba, primeiro edil nacionalista en Galicia (pola Coruña) e primeira persoa tamén en falar en galego nun acto oficial nun salón de plenos municipal, o relator incidiu na súa teima na procura de engadir valor á produción galega, sacando proveito dos recursos naturais e rexeitando os antagonismos campo-cidade e sector primario-industria, característicos das teses tradicionalistas. "De aí naceu o seu soño do desenvolvemento de Galicia, que a nosa comunidade collese o paso dos estados que xa no século XIX camiñaran polo vieiro da revolución industrial", explica Roca Cendán, autor do libro Pensamento político e económico de Lois Peña Novo.

Lois Peña Novo fixo un chamamento continuado á superación do policultivo de subsistencia e á diversificación da estrutura produtiva. "En vez de opoñerse á modernización do tecido económico, teimou nese proceso anovador, con especial énfase nunha industrialización baseada principalmente, pero non só, nas riquezas agrogandeira, forestal e pesqueira de Galicia, ou mineira, que definía como sometida a un réxime colonial; en definitiva, nunha industrialización endóxena que lle dese pulo ao desenvolvemento socioeconómico autocentrado (...)", detallou Roca Cendán, que recorda que o irmán vilalbés tamén fixo interesantes achegas sobre a necesidade de recuperar o aforro que fuxía de Galicia e de investilo no seu desenvolvemento. "Peña Novo sinalou a dependencia financeira como unha das causas do atraso económico de Galicia e xa en 1921 propuña crear un banco galego para evitar a drenaxe do aforro xerado aquí. Dicía que ten patria o diñeiro de todas as nacións civilizadas, e que faltaba nacionalizar o noso diñeiro"

As luces e sombras de Vicente Risco
A profesora da Universidade da Coruña e académica correspondente Olivia Rodríguez ofreceu ao público un percorrido pola traxectoria de Vicente Risco desde o seu ingreso nas Irmandades da Fala a finais de 1917, da man de Antón Losada Diéguez e Lois Porteiro, a través dos chanzos progresivos que o levaron a ter un papel relevante no proceso político e cultural nacionalista. "É certo que a súa é unha personalidade contraditoria, pero en calquera caso é unha personalidade esencial que temos que asumir en toda a súa riqueza de matices. Hai quen o considera aínda un traidor pola súa evolución, pero hai que estudalo, porque entre outras cousas tivo moito que ver na formación das Irmandades e do nacionalismo galego", reflexionou Rodríguez, que salientou tamén a calidade da súa literatura.

A profesora apuntou que "a lectura de Risco desde o prexuízo" empezou co discurso de ingreso na RAG de Ramón Villar Ponte, "risquiano absoluto" doído co cambio do intelectual ourensán cando, tras o asasinato de varios compañeiros na guerra civil, decidiu asinar, "para salvar a vida", un documento no que renunciaba ao seu pasado nacionalista e decidía non volver escribir en galego. Catorce anos despois, Ramón Villar Ponte fixo desaparecer a Risco na súa alocución dedicada á xeración do 16.

Tras o pasamento de Porteiro Garea en 1918, Risco foi lanzado como teórico do novo movemento n'A Nosa Terra, papel que deu como resultado a publicación, en 1920, d'A teoría do nacionalismo galego. Rodríguez repasou o seu traballo de impulso da cultura galega en todos os ámbitos, e que concedía especial importancia á literatura, á arte e ás ciencias; o seu protagonismo nas disensións arredor das Irmandades como representante do eixe Ourense-Pontevedra fronte á Irmandades da Coruña; ou, durante a ditadura, a súa intervención no proxecto da Mancomunidade galega que anunciara José Calvo Sotelo a Losada Diéguez, e que despois abandonou ao comprobar que fora "un engano". En diante, aproveitaría o tempo de prohibición para intensificar a súa produción literaria, na que levou á arte a teoría política nacionalista.

A profesora referiuse tamén á publicación de El problema político de Galicia (1930), o seu segundo libro doutrinal, "máis maduro e reflexivo"; ou á viaxe á Alemaña cunha bolsa da Junta para la Ampliación de Estudios para incorporar a Galicia os avances da etnografía xermana, e recordou tamén o labor de propaganda que realizou a prol do Estatuto de Galicia "ata o último momento".

Ramón Cabanillas
O académico de número Francisco Fernández Rei foi o encargado de sintetizar a vida e a obra de Ramón Cabanillas, natural, coma el, de Cambados, e "un dos maiores forxadores do galego literario moderno". "Cabanillas non é un home de acción, como el mesmo recoñece, pero participou de xeito activo, sobre todo cos seus versos, nas singraduras en que se embarcou, entre elas as Irmandades da Fala", expresou o catedrático.

O escritor, que publicara o seu primeiro libro de poemas, No desterro (1913), na Habana, fora convidado a participar na formación "das ligas ou hirmandades de amadores da nosa terra e da nosa fala" nunha carta anónima que lle enviaron días antes da constitución das Irmandades da Fala, o 18 de maio de 1916 na Coruña. Cabanillas non asistiu a aquela xuntanza fundacional pero si enviou adhesión expresa á asemblea en que se creou o grupo compostelán o 28 de maio. As Irmandades consagrárono como o "poeta da raza", como o denominou Antón Villar Ponte nun artigo publicado n'A Nosa Terra, en 1917, un apelativo que el despois rexeitaría por "ridículo". Villar Ponte definíao como "o escritor ‘representativo' polo que viña agardando a literatura patria" desde o pasamento de Rosalía, Lamas Curros e Pondal, lembrou o académico.

Cabanillas estivo presente nos actos públicos do novo agrupamento desde os primeiros momentos, foi asinante do manifesto da I Asemblea Nacionalista e colaborou co voceiro das Irmandades, no que publicou diversos textos poéticos e algún en prosa. Pero a partir de 1922 distintos episodios derivaron en certo distanciamento dos irmáns galeguistas, se ben en 1936, cando comezou a campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, colaborou nalgún acto cos antigos compañeiros de loitas.

Cabanillas, en calquera caso, sería "un símbolo cultural da irmandade galeguista", sempre "ao servizo da causa": primeiro da agrarista, logo da nacionalista e despois no movemento que significou Galaxia, cando nos últimos anos da súa vida se embarcou na loita sociocultural do galeguismo de posguerra, mantendo un "inequívoco compromiso coa lingua galega, sen usar o castelán nas publicacións".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete