Unha antoloxía leva ao italiano textos de medio cento de protagonistas do Día das Letras Galegas

A primeira antoloxía en italiano dedicada ás figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas chega da man dos centros de estudos galegos de Padua, Roma e Perugia, no marco da colección Finisterrae, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega. La letteratura galega. Autori e testi repasa a biografía e a obra dos autores que protagonizaron o 17 de maio ata o ano 2011, desde Rosalía de Castro ata Lois Pereiro. O  volume, que pretende ser unha obra de referencia e utilidade para quen se achegue desde o italiano ás letras galegas, ofrece unha escolma de textos dos escritores celebrados cada ano pola RAG desde 1963 en versión orixinal e con cadansúa tradución ao italiano.

Pola esquerda, Gemma Álvarez Maneiro, Xesús Alonso Montero,.Valentín García, Víctor F. Freixanes, Giovanni Borriero e Lurdes Batán na presentación da obra


La letteratura galega. Autori e testi foi coeditado por Giovanni Borriero, director do Centro de Estudos Galegos de Padua, e Gemma Álvarez Maneiro, exlectora do mesmo centro, e está prologado polo académico Xesús Alonso Montero. "No mapa das linguas románicas non hispánicas non existe un volume tan representativo do noso discurso literario. As Letras italianas van ser un exemplo", salienta o profesor Alonso Montero no limiar, onde recorda que o volume sae do prelo, baixo o prestixioso selo Carocci Editore, grazas tamén á colaboración de Rachele Fassanelli, da Universidade de Padua, Attilio Castellucci e Beatriz Galiano Leis, de "La Sapienza" de Roma, e Valeria Salinas Soria.

Giovanni Borriero, Gemma Álvarez Maneiro e Xesús Alonso Montero participaron esta mañá na presentación do libro, no Pazo de San Roque de Santiago, acompañados do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a subdirectora xeral de Política Lingüística, Lurdes Batán.

O presidente da RAG felicitou os autores por un traballo que contribúe á proxección internacional da lingua e das culturas galegas. "Un dos desafíos da lingua, da literatura e da cultura galega na era da globalización é a súa posición exterior, a capacidade que teñamos para presentar no mundo o noso patrimonio e a nosa creatividade, neste caso a creatividade literaria. Iniciativas como esta abren camiños para facer máis universal a nosa literatura", salientou Víctor F. Freixanes.

"Esta nova antoloxía vén estreitar aínda máis o vínculo entre as literaturas galega e italiana, e o dos estudos filolóxicos en sentido amplo, alén de darlle proxección e difusión á nosa lingua e cultura propias no mundo, a través de medio cento das figuras máis emblemáticas que protagonizaron desde 1963 as Letras Galegas", expresou en termos semellantes Valentín García.

La letteratura galega. Autori e testi ofrece as biografías dos cincuenta homenaxeados pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas ata 2011, bibliografías e unha escolma de textos diversos e representativos en versión orixinal e a correspondente tradución ao italiano. Completan o volume tres apéndices dedicados a feitos históricos, publicacións periódicas e mapas, e un glosario de termos galegos de especial complexidade na súa tradución ao italiano.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar