Un manuscrito ateigado de historia

A Historia de Galicia de Benito Vázquez foi escrita a mediados do século XVII mais nunca chegou a saír do prelo. Como moitas outras obras compostas durante esa época, o texto pretende demostrar a grande antigüidade do Reino de Galicia e a súa continuidade a través do tempo. A Real Academia Galega posúe un manuscrito desta Historia de Galicia dende o ano 1923 grazas á doazón feita por Andrés Martínez Salazar, o segundo presidente da institución. Velaquí algúns detalles sobre esta obra pouco coñecida.

O escudo de Galicia no mapa de Hernando de Oxea


O autor, o xesuíta Benito Vázquez, naceu no ano 1618 e ao longo da súa vida foi profesor en varios colexios da Compañía de Xesús. Entre os anos 1651 e 1658 exerceu como mestre de Gramática e Artes no de Santiago de Compostela e dende 1655 foi o seu reitor. Neses anos debeu ter relación co Colexio de San Patricio para alumnos irlandeses, dirixido polos xesuítas de Santiago dende 1613. Foi precisamente durante a súa estadía compostelá cando Benito Vázquez escribiu a Historia de Galicia da que estamos a falar. A partir de 1658 residiu en varias vilas de Castela entre os xesuítas de Medina, Villagarcía de Campos, Salamanca e finalmente de Valladolid, cidade onde finou no ano 1684.

Escrito cunha letra do século XVII e encadernado en pergameo, o manuscrito que se garda no arquivo da Academia leva simplemente o título de Historia de Galicia e está atribuído a Benito Vázquez, membro da Compañía de Xesús e natural da cidade de Ourense. O texto divídese en dous libros. O primeiro deles, que contén trinta e dous capítulos, comeza cunha descrición xeográfica do Reino de Galicia e coa noticia dos seus primeiros poboadores, rematando coa conquista do territorio polo emperador Augusto. O segundo libro ten trinta e nove capítulos e trata do período abranguido entre a chegada a Galicia do apóstolo Santiago e a dos suevos, aínda que o manuscrito se interrompe despois da morte do emperador Constantino no século IV, antes da invasión sueva. O texto que chegou ata nós, xa que logo, trata unicamente das épocas máis antigas do pasado galego.


Mapa do Reino de Galicia elaborado por Hernando de Oxea a comezos do século XVII


Mais a visión dos tempos pretéritos que nos ofrece o manuscrito é moi diferente da que temos na actualidade. Cómpre termos en conta que no século XVII non existían as disciplinas científicas das que dispoñemos hoxe para estudar a historia antiga, de tal maneira que quen quixese entón pescudar no pasado debía basearse principalmente en fontes escritas, como a Biblia e os autores gregos ou romanos da antigüidade, e tamén en lendas históricas fabricadas durante a Idade Media. Este foi o método que seguiu Benito Vázquez. El opinaba que Galicia fora habitada por primeira vez no ano 2100 antes da era cristiá por Tubal, un dos fillos de Noé. Destes primeiros habitantes da familia de Noé descendería o pobo galego actual, consonte o xesuíta ourensán. Posteriormente, serían outras xentes, segundo o xesuíta, as que ocuparían o chan galaico: gregos, exipcios, cartaxineses, celtas, romanos e suevos. Ademais, grazas a que durante moito tempo tivo monarcas propios, Galicia podía gabarse de ser un dos reinos máis antigos de Europa. O segundo libro, que se ocupa da Galicia romana, está inzado de lendas que falan do apóstolo Santiago e de varios santos supostamente galegos. A narración de todas esas lendas relixiosas tiña como finalidade demostrar que Galicia era a primeira nación que adoptara o cristianismo e tamén a máis firme na súa defensa. Nisto, como no resto das súas opinións sobre o pasado galego, a Historia de Galicia de Benito Vázquez é unha representante típica da historiografía do século XVII.

A lenda de Gatelo: de Betanzos a Irlanda e Escocia
Unha das lendas históricas máis interesantes que contén o manuscrito é a de Gatelo. Esta lenda narra como o ateniense Gatelo chegou a Galicia mil anos antes de Cristo cunha frota de gregos e de exipcios, fundou a cidade de Brigancio (que Vázquez identificou con Betanzos) e alí estableceu unha dinastía real galega que co paso do tempo conquistaría Irlanda e crearía o reino de Escocia. A importancia que Benito Vázquez lle concedeu á lenda é considerable e a ela dedicoulle varios capítulos da súa obra. Un detalle curioso deste relato é a descrición da coroación de Gatelo e dos outros monarcas da súa liñaxe que se realizaba sobre unha "piedra fatal", é dicir, sobre a Pedra do Fado ou do Destino que os descendentes de Gatelo levaron despois dende Betanzos a Irlanda e logo a Escocia.

Hoxe a Pedra do Destino gárdase no castelo de Edimburgo e constitúe un dos símbolos nacionais de Escocia. O certo é que a historia de Gatelo e da Pedra do Destino é unha lenda gaélica medieval que explica a orixe da monarquía escocesa. No século XVII a historiografía galega adoptouna porque algúns dos feitos que relata acontecían en Galicia e Portugal. Aínda que o xesuíta ourensán non foi o primeiro en incorporala ao pasado galego, si foi el quen a contou mellor e con máis detalles.


A Pedra do Destino da realeza escocesa. Conta a lenda que a levaron a Escocia os descendentes de Gatelo, rei de Galicia


O manuscrito da Historia de Galicia de Benito Vázquez que se custodia na Real Academia Galega non é o único que existe desta obra. Grazas a un artigo publicado en 1923 por Celestino García Romero no número 153 do noso Boletín sabemos que no colexio dos xesuítas de Santiago de Compostela había daquela outra copia do texto procedente da biblioteca do cóengo e historiador Antonio López Ferreiro. Unha comparación entre o manuscrito da Academia e a descrición do que pertenceu a López Ferreiro revela que o primeiro non está completo, ten menos capítulos e ademais presenta unha distribución diferente. Todo indica, pois, que un exemplar non pode derivar do outro, aínda que a relación entre eles non está clara. Talvez o manuscrito da Academia sexa unha versión inicial non rematada ou a copia incompleta doutro exemplar descoñecido. Mais si podemos ter a seguridade de que o manuscrito que conservamos na Academia é de gran valor e ten un enorme interese para coñecermos como era a imaxinación histórica na Galicia do século XVII.

Nesta ligazón pode lerse a noticia que dá o Boletín da Real Academia Galega sobre a doazón do manuscrito da Historia de Galicia de Benito Vázquez no ano 1923.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete