Un dolmen na revista 'Nós'

Castelao foi un grande artista que ás veces se inspirou na arqueoloxía para realizar algunhas das súas creacións. Un exemplo desa inspiración arqueolóxica témolo no deseño artístico da revista Nós, onde incluíu a figura do dolmen. Por que razón debuxou ese monumento megalítico? Que idea quixo comunicar con esa imaxe? Nesta nova contribución á celebración do centenario de Nós falamos da orixe do motivo artístico do dolmen-trílito e do seu significado.
Debuxo de Castelao no nº1 da
revista. Fonte: Biblioteca da RAG
Ilustración de Castelao para Na noite
estrelecida
de Ramón Cabanillas.
Fonte: Biblioteca da RAG

Seguramente o dolmen máis famoso de Nós é o trílito alumado polas raiolas do sol que Castelao incorporou á ilustración da portada da publicación a partir de 1926. Mais en realidade foi no número 1 onde Castelao presentou o seu primeiro dolmen: un trílito de longas antas coroado por unha estrela. Este foi o debuxo elixido para ilustrar a primeira páxina do artigo de Vicente Risco "O sentimento da Terra na raza galega". Posteriormente o mesmo debuxo apareceu en moitos outros números da revista, de maneira que, grazas a este dolmen e ao da portada, o monumento megalítico converteuse nun dos motivos artísticos máis repetidos nas páxinas de Nós.

Esa non foi a única ocasión na que o artista de Rianxo representou este tipo de monumentos. No ano 1926 tamén adornou con trílitos algunhas das letras iniciais decoradas coas que ilustrou o libro de Ramón Cabanillas Na noite estrelecida, onde incluso repetiu o mesmo esquema do dolmen iluminado polo sol.

A pesar de que o dolmen de Nós pode ser o máis famoso dos exemplos realizados nesa época, houbo outros creadores que tamén contribuíron a consolidar as formas megalíticas na arte galega. Deles sen dúbida o máis relevante foi Camilo Díaz Baliño, grazas ao seu inxente traballo como pintor, escenógrafo e ilustrador de libros. A el pertencen ilustracións ben coñecidas que teñen un destes monumentos megalíticos como elemento central; por exemplo, o deseño da colección de narrativa Lar ou o debuxo de cuberta da novela Almas mortas de Antón Villar Ponte, publicada pola editorial Céltiga no ano 1922. Ao mesmo tempo, os escultores Francisco Asorey e Uxío Souto incluíron igualmente motivos dolménicos nalgunhas das súas obras: velaí o monumento ao poeta Curros Enríquez na Coruña realizado polo primeiro e a estatua chamada "Druidesa" feita polo segundo. Castelao, xa que logo, formou parte dun conxunto de artistas galegos que durante as décadas de 1920 e 1930 converteron o dolmen nun motivo artístico.


Ilustración de Camilo Díaz Baliño para o libro Almas mortas de Antón Villar Ponte. Fonte: Biblioteca da RAG


O engado que os artistas mencionados sentiron pola figura do dolmen tiña a súa orixe na historiografía do século XIX, na cal os monumentos megalíticos existentes en Galicia se atribuían aos celtas. Mais tamén procedía da literatura, dado que Eduardo Pondal e outros escritores introduciran nos seus poemas mencións aos dolmens dos celtas. Como os historiadores e os poetas, Castelao, Díaz Baliño, Asorey e Souto tamén pensaron que o dolmen e os outros megálitos eran monumentos dos celtas. Por tanto a anta-trílito presente nos traballos destes artistas era moito máis ca un simple elemento decorativo utilizado en ilustracións ou esculturas, xa que se converteu nun verdadeiro símbolo da Galicia celta. A presenza deste símbolo nas súas obras equivalía a reafirmar a idea da celticidade de Galicia, da mesma maneira que a presenza dos monumentos megalíticos na paisaxe galega era para eles un testemuño do pasado celta do país e tamén unha proba da continuidade no presente do legado deixado polos celtas.


Monumento a Curros Enríquez de Francisco Asorey. Fonte: Arquivo da Real Academia Galega


A combinación realizada por Castelao xunguindo o dolmen co sol (unha imaxe universal do renacer da vida) ou cunha estrela (para o galeguismo, a representación das arelas de liberdade) posuía tamén evidentes connotacións simbólicas: os dous debuxos transmitían a mesma idea de esperanza no renacemento dunha nova Galicia, libre e fiel á súa herdanza céltica. Non por casualidade esta idea era o eixe central da filosofía da revista Nós e tamén foi un dos principios fundamentais que inspiraron o labor das Irmandades da Fala. Así pois, as imaxes dos trílitos feitas por Castelao para a revista expresaban simbolicamente algunhas das crenzas centrais do galeguismo de entreguerras.

Concluiremos dicindo que a simboloxía do dolmen ideada por Castelao respondía ao desexo do galeguismo de crear e popularizar novos símbolos para o país que ademais transmitisen as doutrinas esenciais do seu ideario. Como ben demostrou o deseñador Pepe Barro no seu libro Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza, a anta-trílito deseñada por Castelao e por Camilo Díaz Baliño pasou a formar parte do repertorio simbólico de Galicia xunto doutros símbolos nacionais -bandeira, escudo, himno ou cruz de Santiago- que xa estaban ben aceptados ou que aínda se encontraban en proceso de consolidación. A continuidade do símbolo da anta en artistas posteriores como Luís Seoane, Urbano Lugrís e Isaac Díaz Pardo é unha boa proba do seu éxito.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete