'Toponimízate' divulgará os nomes da terra en dezaseis localidades

Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chegará entre os meses de novembro e decembro a dezaseis localidades. A Real Academia Galega coordina, en colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha nova edición da campaña de divulgación da toponimia galega, que se desenvolve co apoio de fondos europeos. Os responsables de ambas as entidades, o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral Valentín García, presentaron hoxe na sede da RAG a campaña xunto a María Luísa Pena Babío, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, e Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que impartirá as charlas.

Pola esquerda, Vicente Feijoo, Valentín García, María Luisa Pena Babío e Víctor F. Freixanes. Fonte: RAG
 

Toponimízate forma parte das actividades desenvolvidas no ámbito de actuación do Programa de Cooperación Interreg V A España – Portugal (POCTEP 2014-2020), que se incardinan no proxecto 0358 GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal". A nova edición conta coas achegas do académico correspondente Gonzalo Navaza para a elaboración da información sobre a orixe e o significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas. "Con esta iniciativa, pretendemos implicar o conxunto da sociedade, tanto institucións locais como particulares, na reivindicación e defensa dun dos nosos grandes tesouros históricos", salientou o presidente da Academia. "A través dos nomes dos lugares podemos seguir a crónica de nós, a memoria do que somos, a pegada dos devanceiros. Galicia ten unha riqueza neste campo moi superior a calquera outra comunidade europea e é a nosa obriga coidala, estudala e defendela", engadiu Víctor F. Freixanes.

Valentín García incidiu tamén no gran valor da toponimia galega e a obriga de protexela. "A Xunta de Galicia, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco do proxecto Toponimia de Galicia, reafirma o seu compromiso coa Real Academia Galega para salvagardar e poñer en valor o patrimonio inmaterial que constitúen a toponimia e a microtoponimia, unha gran riqueza e obra colectiva dos galegos e das galegas, que non podemos deixar esmorecer", sinalou o secretario xeral de Política Lingüística.

Datas programadas nas catro provincias e no Bierzo
O calendario da que é xa a terceira edición da campaña arrincou o pasado 4 de novembro en Mazaricos e continuou en Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz e Ordes. As vindeiras sesións terán lugar o mércores 27 de novembro en Guitiriz (ás 19 horas no Telecentro), o xoves 28 en Lalín (Biblioteca Valera Jácome, 20 horas), o venres 29 en Taboada (Casa da Cultura, 19 horas) e o sábado 30 de novembro no Bierzo (salón de plenos do Concello de Carucedo, 12 horas).

O programa continuará nas seguinte semana en Muxía (o 4 de decembro na biblioteca municipal ás 10:30 horas), Noia (5 de decembro, Casa da Cultura, 19 horas), Folgoso do Courel (16 de decembro, CPI Uxío Novoneyra, 14:30 horas), Cerdedo-Cotobade (17 de decembro, sala de usos múltiples, 15.45 horas), Pazos de Borbén (19 de decembro, auditorio do Concello, 12:30 horas) e Vilalba (27 de decembro, Casa da Cultura, 20:00 horas).

Está previsto ademais que Toponimízate chegue en datas vindeiras a centros de día de maiores, en colaboración co Consorcio Galego de Benestar, avanzou Valentín García.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 8 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ricardo Carballo Calero no seu tempo
Xoves 15 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Estudos sobre literatura
Xoves 22 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Creación literaria
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete