Regueifas, teatro e coplas populares para homenaxear a Antonio Fraguas na entrega dos premios de Primavera das Letras

Atrás quedou o 17 de maio, pero hoxe volveu ser un día grande na celebración das Letras Galegas dedicadas a Antonio Fraguas. A Real Academia Galega recibiu máis dun cento de alumnas e alumnos dos tres centros gañadores do concurso Contádenos o voso Día das Letras, que puxeron en escena unha pequena mostra dos seus traballos. Regueifas, teatro e investigación etnográfica escolar encheron a Academia da man dos colexios San Roque de Darbo (Cangas), Bembibre (Val do Dubra) e da Ponte de Porto (Camariñas), tres fórmulas divertidas e efectivas para se mergullar na vida e obra de don Antonio e na riqueza da cultura popular que contribuíu a preservar. Incluída "a maior construción do pobo galego, a lingua", salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. "Antonio Fraguas estaría hoxe feliz de estar aquí, entre todas e todos construídes un río grande de esperanza para a nosa lingua", agradeceu a mantedora do acto, a académica Fina Casalderrey.

Alumnado, profesorado, familiares de Antonio Fraguas, membros da RAG e demais participantes na entrega dos premios. Fonte: RAG


A Real Academia Galega convoca o concurso Contádenos o voso Día das Letras no marco do proxecto Primavera das Letras, que fornece desde 2016 a comunidade escolar de infantil e primaria de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. O proxecto conta co apoio económico da Deputación da Coruña e o certame, creado en 2017, desenvólvese coa colaboración das editoriais Xerais, Galaxia, Kalandraka e Bolanda na dotación dos galardóns, un lote de libros para cada centro.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriu e pechou o acto, acompañado por Avelino Martínez, sobriño de Antonio Fraguas, quen agradeceu en nome da familia esta nova homenaxe ao etnógrafo, xeógrafo e docente. Unha homenaxe, salientou Fina Casalderrey, na que participaron máis de 80 centros educativos de toda Galicia, cuxos traballos poden verse na web de Primavera das Letras.

Tanto Víctor F. Freixanes como Fina Casalderrey agradeceron especialmente o labor do profesorado, o do presente no acto e o de todo o colectivo, "por todo o que facedes por esta nosa lingua pola que tamén tanto traballou Antonio Fraguas". "Vós, coma el, levades ese selo dos bos e xenerosos que saben facer maxia, fabricando escenarios onde non os hai, facendo horas extra, coma hoxe, que tan só son computadas, se cadra, na memoria e nos corazóns dos vosos alumnos e alumnas", engadiu Fina Casalderrey.

CPI de Bembibre: teatro para aprender tamén valores
Tras as palabras da académica e a proxección dun vídeo de resumo dos tres proxectos gañadores, o alumnado ofreceu unha mostra en directo dos traballos. Os rapaces e rapazas do CPI de Bembibre ofreceron unha versión acurtada da obra de teatro sobre Antonio Fraguas coa que celebraron este 17 de maio, un bo xeito de profundar dun xeito integral na súa biografía. "Grazas a el coñecemos xeografía, historia, etnografía, arte, cultura popular... Non podiamos atopar un profesor que tocase tantas disciplinas sobre a nosa terra. Pero tamén aprendemos de Antonio Fraguas como persoa, foi o mellor referente de moitos valores, como a solidariedade ou a capacidade de traballo e de superación das maiores dificultades ", salienta a mestra Lucinda Cives, directora da obra.


Pola dereita, alumnado do CPI de Bembibre interpretando a mamá Antonia, Antonio Fraguas e a nai do protagonista das Letras Galegas 2019. Fonte: RAG


E por que unha peza teatral? "Co teatro aprendemos, divertímonos e ata somos mellores persoas. O teatro na escola é motivador, mellora a autoestima, fomenta a responsabilidade e potencia a solidariedade cos demais por ser un traballo en equipo no que cadaquén é imprescindible", valora a docente.

CEIP de San Roque de Darbo: unha regueifa que implicou a todo o colexio
O traballo en equipo e a expresión artística tamén están na cerna da proposta do CEIP de San Roque de Darbo de Cangas do Morrazo. "O equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do colexio, coa mestra María Arias como coordinadora, tivo a idea de realizar un proxecto sobre a figura de Antonio Fraguas que implicase a todo o centro", explica a mestra de música Sara Chorén. Sara, que realizara un curso sobre poesía improvisada e regueifa no concello, propuxo que cada curso escribise unha estrofa que relatase algún aspecto da vida e da obra de Antonio Fraguas, dende o seu nacemento ata o pasamento. Do seguinte paso, a interpretación que se ve no vídeo gañador, encargouse unha representación do alumnado de cada clase.


Un momento da actuación do alumnado do CEIP de San Roque de Darbo, que interpretou unha regueifa de agradecemento. Fonte: RAG


Na súa intervención de hoxe na Real Academia Galega, alumnos e alumnas de sexto de primaria volveron tirar da arte de regueifar, desta volta para agradecer un galardón que recolleron acompañados dos profesores Félix Solla, Emilio Salgueiro, Ana Gil e María José Díaz.

CEIP da Ponte do Porto: recollida de tradicións da zona en familia
A cultura popular tamén inspirou a interpretación na Academia do alumnado do CEIP da Ponte do Porto (Camariñas), que recitou cantigas recollidas na contorna da localidade. Estas coplas son só unha pequena parte do material recompilado, (festas, comidas típicas, oficios antigos e outras tradicións), co gallo da celebración do Día das Letras Galegas de Antonio Fraguas, que quixeron centrar así no seu labor como etnógrafo. "O alumnado recolleu esa sabedoría popular da voz dos avós e das avoas, dos bisavós e bisavoas ou doutras persoas maiores. Hai que salientar a colaboración das familias, xa que aportaron fotos, historias persoais, recordos...", explica a directora do colexio, María del Carmen Angües. "Co material recompilado fíxose un libro para a biblioteca do centro co fin de manter vivas as tradicións e a cultura da nosa contorna", engade.


O alumnado do CEIP da Ponte do Porto durante a súa intervención, que rematou coa interpretación de coplas populares da súa contorna. Fonte: RAG


Na entrega dos premios, canda alumnas e alumnos do CEIP da Ponte do Porto de todas as idades, participaron a propia María del Carmen Angües e as mestras Teresa Barrientos Muíños e Bibiana Ortiz Deibe, coordinadora de dinamización lingüística.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Venres 22 de novembro de 2019 / 19:30 h
Conmemoración do 70 aniversario da colección Benito Soto - Pontevedra
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete