Reflexións sobre as Irmandades para ollar o futuro

Vinte e nove contribucións sobre as Irmandades da Fala expostas no ciclo organizado pola Real Academia Galega co gallo do centenario da fundación deste movemento forman o novo volume editado pola Sección de Literatura da institución. Publicado co apoio da Deputación de Pontevedra, No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos xunta as achegas dos relatores e relatoras que protagonizaron no segundo semestre de 2016 os encontros co mesmo nome dedicados a un movemento que deu "un chimpo cualitativo e cuantitativo que fundamenta os principios da normalización" da lingua e que constituíu, en definitiva, un "capítulo fundamental para entender a realidade social e cultural da Galicia contemporánea", recorda no limiar o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
Cuberta do libro

Organizado en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia, o ciclo percorreu oito localidades do país (A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Lugo, Ferrol e Vigo) cunha serie de sesións nas que se abordou o significado das Irmandades nos campos da literatura, a lingua e a estética. Agora quedan rexistradas nun libro que xunta reflexións, lecturas e propostas "para entender o significado das Irmandades non só mirando cara ao pasado, senón tamén para o presente e para o porvir", explican na presentación os editores, Henrique Monteagudo e María Dolores Sánchez Vales. "Temos a certeza de que supoñen unha achega moi significativa para mellorar a nosa comprensión das Irmandades, e con ela, das tarefas que temos por diante para seguir facendo país", conclúen.

O volume distribúe os textos en oito capítulos. Os catro primeiros céntranse en distintos xéneros literarios. O primeiro, "Oratoria e prosa non ficcional", fórmano as achegas de Xesús Alonso Montero, Arturo Casas e Teresa López. Séguenlle "Novos vieiros para a narrativa", coas contribucións de Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Camiño Noia Campos; "Un novo teatro galego", cos escritos de Laura Tato Fontaíña, Euloxio R. Ruibal e Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes; e "Unha poética anovadora", cos relatorios de Xosé Ramón Pena, María Xesús Nogueira Pereira, Miro Villar e Xosé Luís Axeitos.

O quinto capítulo, baixo o título "Reivindicación e modernización da lingua", permite ler as contribucións ao ciclo de Rosario Álvarez, Antón Santamarina e Henrique Monteagudo. As achegas relacionadas coa prensa centran o seguinte, "A conquista do público", que recolle os relatorios de Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo Andión, Xan Carballa e Carme Vidal. Pechan o volume "Intelectuais, xornalistas, escritores", coas achegas de Emilio Xosé Ínsua, Antón Costa Rico, Olivia Rodríguez González, Francisco Fernández Rei, Isabel Seoane e Manuel Roca Cendán; e "Imaxe e identidade", coas de María Victoria Carballo-Calero, Pepe Barro e Siro López.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 17 de maio de 2018 / 12:30 h
Sesión pública do Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 36

Descargar