Simposio Carballo Calero

Xoves, 22 de outubro de 2020 - 19:00 horas

Ver emisión
en directo

"Quixen sobre todo deixar claro o compromiso permanente de Carvalho Calero coa lingua como creador, como intelectual e como docente"

O escritor Héctor Cajaraville volve asinar para a colección infantil de Xerais a biografía do persoeiro ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso achega ao público máis novo as claves da vida e da obra do escritor, filólogo e profesor combinando o retrato biográfico con pequenas pezas teatrais baseadas na súa vida e concibidas para a representación escolar. En pleno confinamento, o escritor agarda que 2020 non remate sen a oportunidade de que o público máis novo descubra unha "personalidade fascinante" que foi pioneira en múltiples facetas, guiadas -subliña- por unha mesma premisa: a defensa do idioma.
Héctor Cajaraville. Autor: Óscar Sebio

Esta é a segunda biografía sobre o protagonista do Día das Letras Galegas que escribe para Xerais, despois da dedicada en 2019 a Antonio Fraguas. Como foi desta volta a experiencia? Vostede é docente de lingua e literatura galegas. Que imaxe tiña de Carvalho Calero antes de escribir esta biografía e que descubriu del ao emprender a escrita deste libro dirixido a un público que se move entre a primaria e a secundaria?
Ademais dos títulos das súas obras e algún episodio clave da súa vida, pouco máis sabía. Coñecía, por suposto, toda a polémica suscitada pola súa deriva cara á confluencia entre galego e portugués e algunhas opinións sobre a súa personalidade ou o seu carácter. E algo que a min me afectaba máis como biógrafo: fixérame á idea de que se trataba dun individuo gris e aburrido que non habería modo de "vendérllelo" aos rapaces e rapazas... Todos eses panos foron caendo e fun descubrindo unha personalidade fascinante, un intelectual pioneiro en moitas das súas múltiples facetas, arriscado, comprometido e valente, o que trouxo consigo a súa marxinación no ámbito académico e intelectual, e mesmo que tiña unha traxectoria vital interesante e atractiva.

No caso de Antonio Fraguas a tarefa xa non foi doada, pois non era o típico homenaxeado no Día das Letras Galegas dos últimos anos, con obra literaria infantil e xuvenil, cunha traxectoria coñecida a nivel xeral. Carvalho Calero, outro tanto, así que o traballo de novo non era fácil. Había que empezar polo máis básico: datos biográficos, obra publicada, recoñecementos... Pero, sobre todo, convencer o alumnado de que este autor non só era merecente da homenaxe que supón dedicarlle o Día das Letras Galegas deste ano, senón de que foi alguén que se dedicou en corpo e alma á lingua e á literatura, e incluso de que tivo unha traxectoria vital que paga a pena coñecer.

Algúns elementos xogaron ao meu favor, ademais dos múltiples escenarios en que transcorreu a súa vida, o que sempre axuda a artellar un relato máis ameno. Por exemplo, o variado da súa obra literaria (relatos curtos, textos infantís, narrativa, poesía, teatro...), que lle dá ao libro un dinamismo que non tería alguén que só cultivou a poesía ou o teatro, ou o seu labor académico, no que foi pioneiro en varios aspectos. E logo está tamén esa cuestión do outsider, do incomprendido, do que vai quedando só... Iso tamén posúe un innegable atractivo literario. Na parte das complicacións, o meu medo era abordar todo o relativo á preferencia lingüística de Carvalho Calero de xeito parcial, incompleto ou difícil de entender. Pero penso que esta cuestión quedou suficientemente clara: hai un capítulo enteiro do libro dedicado a isto, probablemente o capítulo no que investín máis tempo para a súa redacción.

Como concibiu o libro?
Como unha especie de relato que avanza con fluidez e que só se detén nos momentos transcendentais na historia do autor, nos que a súa personalidade se mostra con maior claridade: a morte da nai cando el era aínda un neno, o seu namoramento de Santiago cando chega para estudar na súa universidade, o estalido da guerra civil –que o sorprende en Madrid presentándose a unhas oposicións–, os seus anos na fronte e no cárcere, a súa condición de represaliado durante máis dunha década, a súa capacidade de superación –acabou aprobando aquelas oposicións con 54 anos–, unha entrega á docencia que o leva a seguir traballando unha vez xubilado... Pero sobre todo quixen que quedase claro o seu compromiso permanente coa lingua, como creador, como intelectual e como docente. Un compromiso que o levou, como el mesmo recoñeceu, a abandonar a súa vocación de escritor, sobre todo de poeta, para desenvolver outro tipo de angueiras: elaborar unha gramática da lingua practicamente en solitario, abordar unha historia da literatura galega como nunca antes se fixera, compartir o seu coñecemento cos demais, abandeirar todo tipo de actos vinculados á defensa da lingua...

Na biografía de 2019 optou por darlle voz a través de textos ficcionados ao propio Antonio Fraguas. Nesta ocasión insire pequenos textos teatrais baseados na vida de Carvalho Calero. Por que esta escolla?
Non quería repetirme con respecto ao formato da biografía de Antonio Fraguas e todos os biógrafos e as persoas que o coñeceron destacaron sempre a querenza de Carvalho Calero non tanto polo xénero literario do teatro como polo teatro en si, pola arte da representación e por todo o que hai arredor dun proxecto teatral.

O teatro escolar foi un xénero que el mesmo cultivou co seu alumnado do Colexio Fingoi (Lugo) e do que hoxe é o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Busca vostede tamén que os nenos e nenas de hoxe representen estas pezas sobre momentos destacados da súa vida? Pensa que lle gustaría a homenaxe?
Si, todas as pequenas pezas teatrais que completan o meu libro están pensadas para a súa representación na aula. Son propostas sinxelas, breves e que non precisan dunha dramaturxia espectacular, pero que poden dar xogo para achegarse ao autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020 dun modo máis atractivo e ameno. Estou seguro de que Carvalho Calero estaría encantado de que na súa biografía se recorrese ao xénero teatral para complementala, como eu tomei a liberdade de facer. Aínda que el sempre se definiu sobre todo como un poeta, o teatro formou parte esencial da súa vida, por unha banda como autor, pero sobre todo como director teatral dos centros en que impartiu docencia. Como dixen, sempre amosou a súa paixón por este xénero, tamén como espectador no teatro Jofre de Ferrol cando era un neno e nos primeiros textos de autoría propia, que non se conservan.

A primeira peza teatral da biografía recrea un momento da infancia de Carvalho Calero moi duro, o pasamento da súa nai. Por que escolleu esa primeira escena, alén da orde cronolóxica?
Algo que dixo el mesmo en máis dunha ocasión é que fora un neno máis serio que logo de adulto, cando ese carácter foi derivando cara a un humor descrido e escéptico. E esa personalidade forxouse sen dúbida a partir do momento da morte da nai –cando ten só oito anos e é o maior de seis irmáns– e doutros episodios posteriores: o seu pai casa coa irmá da nai e esta tamén morre axiña, os problemas mentais do pai, as dificultades económicas que atravesa a familia logo de anos de bonanza... Carvalho Calero foi un neno ao que se lle truncou a infancia por un suceso tráxico, pero en certo modo a súa madurez e o seu carácter introspectivo facilitan esa transición. E iso explica tamén a súa precocidade en moitos aspectos: aínda non ten dezaseis anos cando comeza os estudos universitarios en 1926, e xa antes colaboraba en varios medios de comunicación e empezara a escribir.

Non foi un escritor de literatura infantil e xuvenil pero deixou algunhas obras que o público infantil de hoxe pode ler e gozar directamente, non si?
Por suposto. A Carvalho Calero non lle quedou póla ningunha por probar dentro da literatura, e varios dos seus textos encaixan perfectamente no ámbito da literatura infantil e xuvenil. «As pitas baixo a chuvia», «A cegoña» e «Os tumbos», ademais dalgunha das súas pezas teatrais, como a Farsa das zocas, non son especificamente infantís pero conectan moi ben con este tipo de público. A maiores, o recurso de describir o mundo desde a ollada dun neno é unha constante na súa traxectoria literaria.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo
Carvalho Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete