Publican o ensaio inédito de Xohana Torres sobre Santo André de Teixido

En 1972 Xohana Torres (1931-2017) gañou o I Premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputación da Coruña coa obra Teixido. San Andrés de lonxe: mitos e ritos. Corenta e seis anos anos despois, ve agora a luz na editorial Engaiolarte co apoio da institución provincial. Con esta edición, a Deputación quere facer unha homenaxe á escritora e académica e "un acto de desagravio" por non publicalo no seu momento, explicou a vicepresidenta Goretti Sanmartín na presentación celebrada onte en Santiago. Xohana Torres faleceu antes de ver o resultado final, pero traballou na edición "cunha paixón e unhas ganas como se fose o seu primeiro libro". "Fixo emendas, suxeriu fotografías, soubo como ía ser editado e imaxinou como tiña que aparecer nas librarías", conta o editor e amigo da autora, Xosé Puga.

Manuscrito de Xohana Torres nun detalle da contraportada de Teixido. San Andrés de Lonxe: mitos e ritos.

 

O editor explica que, mentres preparaban o libro, a autora lle contou que fora un ensaio moi traballoso para ela, porque había pouca bibliografía e era máis complicada de localizar e consultar do que hoxe. Sostiña Xohana que o mito de Santo André "era o único mito universal que temos no país e defendíao con vehemencia e determinación", asegura no prólogo.

Goretti Sanmartín define o título ata agora inédito como "unha extraordinaria guía para viaxar ao país de Teixido e marabillarnos coa beleza das súas paisaxes e coa intensidade da súa cultura e historia. Un mundo á medida de Xohana Torres, sorprendente, impresionante, soberbio e unha homenaxe das moitas que lle debemos".

O texto sae do prelo nunha edición moi coidada acompañado de fotografías de Xulio Gil. O editor e Goretti Sanmartín presentárono onte en Santiago de Compostela, na sede da Fundación Granell, o pazo de Bendaña, onde en 1957 tivo lugar o histórico acto sobre a nova poesía galega no que Xohana Torres foi a única muller que tomou a palabra. Este episodio é recordado polo académico Xesús Alonso Montero na plaquette editada pola Real Academia Galega con ocasión da homenaxe que a institución lle rendeu o pasado 21 de marzo, Xohana Torres. Natureza de illa.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 24 de xullo de 2018 / 11:30 h
Clausura dos XXXI Cursos de lingua e cultura galegas

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar